Galicia instou ao Goberno central a regular as estancias temporais dos menores que veñan de Ucraína para poder ofrecerlles cobertura xurídica

Tamén solicitou que se establezan uns criterios comúns á hora de validar a idoneidade das familias acolledoras de persoas ucraínas, para evitar diferencias entre comunidades autónomas

Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia instou ao Goberno central a regular as estancias temporais dos menores non acompañados que cheguen de Ucraína para poder ofrecerlles cobertura xurídica. Considera que a chegada destes menores débese a unha situación límite e extraordinaria e por iso é preciso un marco que ofreza todas as garantías.

Ante a petición, o Ministerio de Derechos Sociales comprometeuse a traballar neste marco xurídico reforzado que achegue todas garantías a todos os nenos que cheguen a España por mor da guerra en Ucraína.

Ademais, desde Galicia tamén se puxo de manifesto o risco de que se produzan traslados de nenos do sistema de protección de Ucraína a España sen as debidas garantías. Por esta razón, subliñouse que este traslado debe realizarse de xeito coordinado a través do Goberno central, e non a través de entidades que non garantan a protección necesaria para estes nenos unha vez que cheguen a España.

Tamén solicitou que se establezan uns criterios comúns á hora de validar a idoneidade das familias acolledoras de persoas ucraínas, para evitar diferencias entre comunidades autónomas.