A Xunta promove en Miami a celebración do Xacobeo e o Camiño coa colocación dunha nova mouteira

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou nun completo programa de promoción internacional da celebración do Xacobeo e o Camiño de Santiago, que inclúe a colocación en Miami da novena mouteira internacional, a terceira no continente americano

Nava Castro pechou hoxe a xornada de encontro con empresarios promovida pola Abanca “Galicia Trasatlántica” e participará mañá sábado no nomeamento dos novos comendadores da Feira do Cocido de Lalín
 

Miami, 18 de marzo de 2022

A universalidade do Camiño de Santiago, a celebración do Xacobeo 21-22 e o seu impacto internacional como embaixador da marca Galicia e como motor da recuperación económica e, sobre todo, turística, centraron a participación da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, na xornada Galicia Trasatlántica, que se celebra hoxe en Miami. Nava Castro foi a encargada de pechar esta xornada promovida por Abanca e na que se mantivo encontros cos empresarios estadounidenses e galegos no marco dun completo programa de actividades que se desenvolven neste estado de EE.UU.
“O Camiño sitúa a Galicia no mundo e nos une ao longo dos continentes e dos países a travé do fino trazo que debuxan as frechas amarelas e as mouteiras que estamos a situar en diferentes países como un símbolo Xacobeo que pon en valor os valores universais que representa o fenómeno Xacobeo”, explicou a directora de Turismo de Galicia.

Nova mouteira internacional

Ademais de participar na xornada, Nava Castro completará a súa actividade en Miami coa inauguración mañá sábado, 19 de marzo, dunha nova mouteira, en Bayfront Park, como un símbolo xacobeo internacional co que se pon en valor a celebración do Xacobeo e a pegada do Camiño de Santiago no mundo. Trátase da novena mouteira internacional e a terceira que se coloca no continente americano, despois de Río de Xaneiro, Colombia e agora, en Miami.


A actividade da Xunta de Galicia neste estado de Florida rematará coa participación da directora de Turismo de Galicia na Encomenda do Cocido que se celebrará tamén en Miami, e na que se nomearon como novos comendadores José Luís Rodríguez El Puma, a Miss Mundo Alicia Machado, ao alcalde de Miami Francis Suárez, ao comisionado Joe Carollo, e ao produtor audiovisual Carlos Vasallo, que desfrutarán dun cocido tradicional de Lalín elaborado por dous cociñeiros do municipio, Alberto Currás e Alberto Canda.