O conselleiro do Medio Rural clausurou as xornadas forestais celebradas con motivo do vindeiro Día Internacional dos Bosques

A Xunta destaca o exhaustivo traballo por coñecer e informatizar todas as hectáreas forestais de Galicia

José González puxo en valor a Estratexia de Dixitalización e Descarbonización (D&D), unha iniciativa pioneira na que o uso da tecnoloxía blockchain e da intelixencia artificial contribúe a acelerar os procesos produtivos deste sector, entre outras cousas

Destacou que o Inventario Forestal Continuo permitirá contar coa información máis detallada da situación actual dos montes galegos e, así, avanzar nas mellores decisións sobre a xestión e ordenación dos mesmos

Boqueixón (A Coruña), 18 de marzo de 2022

O conselleiro do Medio Rural, José González, clausurou hoxe as videoxornadas forestais que se organizaron esta semana con motivo do Día Internacional dos Bosques, que se celebra todos os anos o 21 de marzo. Así, o conselleiro destacou o traballo que está realizando o Goberno galego para coñecer e informatizar todas as hectáreas forestais de Galicia, mediante o desenvolvemento de aplicacións que permiten avanzar na dixitalización e no compoñente tecnolóxico dun dos sectores produtivos máis estratéxicos de Galicia, como é o forestal.

Neste senso, José González puxo en valor a Estratexia de Dixitalización e Descarbonización (D&D), que se está facendo en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, unha iniciativa pioneira na que o uso da tecnoloxía blockchain e da intelixencia artificial contribúe a acelerar os procesos produtivos do sector, a incidir na simplificación administrativa e a alcanzar políticas quilómetro cero ou e “proximidade”. Tamén, engadiu, permite afondar no consumo e na acumulación de información actualizada e fiable.

Precisamente, apuntou o titular de Medio Rural, esta última premisa estase a conseguir a través do Inventario Forestal Continuo, enmarcado no propio Plan Forestal de Galicia 2020-2040 “ Cara a neutralidade carbónica” que permitirá contar coa información máis exhaustiva da situación actual dos montes galegos e, así, avanzar nas mellores decisións sobre a xestión e ordenación dos mesmos.

Por iso, trasladou o conselleiro, o Plan forestal de Galicia é un instrumento resultado dun proceso participativo e consensuado co propio sector, xa que adoptar as medidas máis axeitadas está da man de quen mellor coñece este eido, que non é outro que os propios actores que o conforman, matizou José González.

Nesta liña, o titular de Medio Rural destacou que o propio Plan forestal incorporara 92 das 123 recomendacións do Ditame da Comisión especial non permanente e que a través deste instrumento se poida comezar a incidir no papel da silvicultura e a xestión forestal como mecanismos fundamentais para acadar un territorio resiliente fronte aos incendios forestais.

Ademais, engadiu, xunto coa Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, estase a traballar xa na recuperación e posta en valor de superficie forestal en desuso mediante a implantación de polígonos agroforestais. Neste senso, José González lembrou que a través da Manifestación de Interese que puxo a disposición a Consellería o pasado ano, constatouse a demanda de máis de 144.000 hectáreas para uso forestal, das cales 1.435 ha teñen localización xeográfica específica e, destas últimas, 457 hectáreas xa están casadas con zonas prioritarias e cunha gran potencialidade para o desenvolvemento de polígonos agroforestais.

Neste contexto, o dirixente de Medio Rural asegurou que se segue a traballar na implantación das agrupacións forestais de xestión conxunta, así como na diversificación do monte galego, a través dos plans estratéxicos do castiñeiro e do piñeiro, fomentando os recursos que se extraen do monte porque son de moi boa calidade. Para rematar, José González referiuse ao empoderamento de todos os elos da cadea de valor do sector forestal, desde silvicultores a empresas de última transformación, como un dos piares fundamentais do Pacto Verde Europeo.

Contido da webinar

Estas videoxornadas estiveron centradas na dixitalización e a descarbonización, así como no inventario forestal continuo de Galicia, contando coa participación de responsables e técnicos da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, e outros representantes de diferentes departamentos da Xunta, tales como a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ou o Instituto Galego de Estatística. Ademais, tamén participaron expertos das universidades de Vigo e de Santiago, así como de empresas especializadas do sector forestal de Galicia.

A primeira das videoxornadas, celebrada o pasado mércores 16 de marzo, abordou aspectos como o fondo documental do monte galego, o sistema de indicadores forestais en tempo real ou os servizos web aplicados ao sector forestal de Galicia. Tratáronse tamén a plataforma para a introdución dos instrumentos de ordenación e xestión forestal, así como a rastrexabilidade da madeira baixo tecnoloxía blockchain.

No día de hoxe, os temas xiraron arredor do Inventario forestal continuo de Galicia. Así, houbo achegas de diferentes expertos sobre os primeiros resultados do prototipo de mapa forestal a nivel de concello, sobre o informe sociodemográfico da rede base do inventario e dos solicitantes de aproveitamentos forestais e sobre a rastrexabilidade da actividade forestal.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural