O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, e o xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, participaron nestas xornadas

A Xunta anuncia a creación dun Plan de formación destinado ao persoal das escolas infantís

Nestas xornadas participaron profesionais de distintos centros galegos que puideron compartir experiencias e debater sobre os retos desta etapa educativa de cara ao futuro

Sinalaron que ademais dun recurso de conciliación fundamental, estes centros supoñen un lugar no que os máis pequenos gañan habilidades e dan os seus primeiros pasos cara ao coñecemento

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2022

A Xunta creará un plan de formación para o persoal das escolas infantís que permitirá actualizar, mellorar e innovar nos proxectos educativos dos centros galegos. O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, e o xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, participaron esta mañá nas xornadas sobre os retos na educación de 0-3 anos con profesionais do sector que tivo lugar na Cidade da Cultura.

Nestas xornadas, profesionais de distintos centros de toda a Comunidade tiveron a oportunidade de conversar e compartir experiencias sobre o seu traballo e os retos de cara ao futuro a través de dúas mesas redondas. Entre os temas a debate tratáronse metodoloxías e accións innovadoras, o fomento da atención á diversidade ou o uso de espazos exteriores para a vida cotiá.

Jacobo Rey e Perfecto Rodríguez resaltaron que as escolas infantís teñen demostrado ser, ademais dun servizo de conciliación fundamental para as galegas e galegos, un lugar no que os máis pequenos gañan en habilidades e dan os seus primeiros pasos cara o coñecemento. Destacaron o importante papel que desempeñan os profesionais deste sector por ser quen de identificar posibles problemas no desenvolvemento e por fomentar a súa creatividade a través das máis innovadoras metodoloxías pedagóxicas.

Gratuidade de todas as escolas

Os representantes do Goberno galego lembraron que Galicia leva anos ofrecendo facilidades de acceso a esta etapa educativa para as familias. Neste sentido, apuntaron que a nosa Comunidade foi a primeira en ofrecer a gratuidade desta educación para segundos fillos e sucesivos e será a primeira en ampliala a todos os nenos en todas as escolas infantís a partir do próximo curso académico. Unha medida que beneficiará a 30.000 familias galegas e que contará cun investimento de 30 millóns de euros.

A este respecto resaltaron que ningunha familia debería decidir se levar aos seus fillos a unha escola infantil por motivos económicos. Deste xeito, a Xunta de Galicia fomenta a igualdade de oportunidades e permite que as nenas e nenos transcorran por todas as fases da ensinanza, desde a infantil ata o bacharelato, sen que os seus pais teñan que pagar nin un só euro.

Imaxes relacionadas