A Xunta destinará este ano 1 M€ a mercar inmobles na Coruña para rehabilitalos e ofrecer vivenda protexida

“Ante as adversidades Galicia faise máis forte e ante as adversidades o sector da construción sempre está aí, apoiando”, subliña a responsable autonómica

Ángeles Vázquez anuncia que desde hoxe xa está dispoñible en formato dixital a guía informativa sobre as axudas para rehabilitación enerxética no eido residencial
 

A Coruña, 18 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia dedicará este ano 1 millón de euros á adquisición de inmobles deteriorados ou en estado de abandono na cidade da Coruña co obxectivo de rehabilitalos e destinalos despois a vivendas de promoción pública.

Así o anunciou hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a súa intervención no foro Horizonte do sector. Afrontando novos retos, organizado pola Asociación provincial de empresarios da construción da Coruña (Apecco) e no que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor.

A este respecto, a responsable autonómica explicou que a Consellería publicará proximamente unha nova convocatoria do programa Rexurbe, impulsado no ano 2018 para facilitar ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) a localización e compra de inmobles nos centros históricos e zonas degradadas de municipios seleccionados previamente.

A cidade herculina será un dos concellos incluídos pola Xunta na oferta pública de 2022. Deste xeito, tal e como explicou a conselleira, daráselle continuidade ao traballo iniciado o ano pasado e que se plasmou en acordos de compra entre o IGVS e os propietarios de catro inmobles na cidade vella da Coruña por 1,2 millóns de euros; de feito, o pasado 4 de marzo formalizouse a adquisición do primeiro destes inmobles na rúa Santa María.

Apoio ao sector nun momento crítico

Tras agradecer ao presidente de Apecco, Diego Vázquez Reino, que a convidara a participar neste foro sobre os retos “presentes e futuros” do sector da construción, que representa o 10% do PIB e está chamado a ser un dos motores da recuperación económica, a conselleira dixo que nun escenario “con moitas incógnitas”, as Administracións e as organizacións empresariais “teñen, máis que nunca, que ir da man”.

“Ante as adversidades Galicia faise sempre máis forte e ante as adversidades o sector da construción sempre está aí, apoiando”, declarou a conselleira. Neste sentido, garantiu que o seu departamento tamén estará ao carón das empresas a través de medidas e investimentos que contribuirán a paliar a difícil situación económica actual e que pivotan principalmente ao redor de dous eixos: o Pacto social pola vivenda, aprobado pola Xunta hai un ano e que prevé mobilizar 1.100 millóns de euros ata 2025 entre investimentos públicos e privados; e os fondos europeos de recuperación en materia residencial, centrados na rehabilitación enerxética.

Este ano existirán, en conxunto, unha trintena de programas e liñas de axudas dirixidas a comprar, alugar ou rehabilitar vivendas e que permitirán poñer á disposición de particulares, concellos e promotores públicos e privados máis de 150 millóns de euros.

Por iso e tendo en conta a gran oportunidade que suporán estes investimentos para Galicia e para o sector da construción e das reformas, Ángeles Vázquez incidiu na importancia de que toda a información sobre estes programas chegue aos seus posibles beneficiarios e aos profesionais que se encargarán de executar as obras subvencionables.

A tal fin, explicou que o seu departamento elaborou unha guía informativa sobre as distintas axudas para rehabilitación enerxética no eido residencial e anunciou que desde hoxe está lista para a súa descarga desde as páxinas web do IGVS e do Observatorio da vivenda de Galicia. Proximamente tamén haberá unha versión en papel, que os interesados poderán conseguir en calquera das oficinas do organismo autonómico.

Co mesmo obxectivo, hai uns días inaugurouse en Santiago a Oficina de rehabilitación de vivenda, un punto informativo para asesorar a particulares, empresas e administracións públicas sobre os novos programas con fondos europeos no eido da vivenda.
 

Imaxes relacionadas