A Xunta aposta en Pontevedra por reforzar a promoción dos valores desde o eido educativo para avanzar cara á igualdade real entre mulleres e homes

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na entrega da primeira edición dos premios Josefa Fariña, unha iniciativa do CIFP A Xunqueira

Destacou que o Goberno galego traballa no deseño do VIII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes que incidirá na eliminación dos estereotipos que sustentan as desigualdades de xénero
 

Pontevedra, 17 de marzo de 2022

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe en Pontevedra a importancia de reforzar a promoción de valores desde o ámbito educativo cara a unha igualdade real e efectiva entre mulleres e homes e concienciar desde a infancia sobre a lacra da violencia de xénero. Na entrega da primeira edición dos premios Josefa Fariña, unha iniciativa organizada polo Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) A Xunqueira, López Abella indicou que a Xunta traballa no deseño do VIII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes para o próximo quinquenio que fará fincapé nestes aspectos.

A secretaria xeral puxo en valor iniciativas como a dos premios Josefa Fariña para dar visibilidade ás mulleres en diferentes ámbitos. Trátase duns galardóns ideados polo alumnado do ciclo de Promoción da Igualdade de Xénero, da man da profesora Sonia Rodríguez, e que contan coa colaboración do departamento de madeira, moble e cortiza no deseño e elaboración do trofeo.

López Abella destacou a importancia de aproveitar o talento feminino para acabar coas fendas de xénero e sinalou que as políticas sociais e económicas do Goberno galego van encamiñadas a avanzar na eliminación destas fendas, aínda persistentes en ámbitos como o laboral, e no fomento da presenza das mulleres nas esferas de decisión e influencia das estruturas sociais, económicas e profesionais.

Sinalou que, para iso, é importante seguir traballando para promover a elección de proxectos profesionais sen condicionantes de xénero, “polo que cómpre reforzar as iniciativas coeducativas para rachar cos prexuízos e estereotipos e difundir referentes femininos en todos os eidos, en especial no eido das vocacións STEM”, engadiu.

Neste senso, expuxo que o sistema educativo non pode asumir en exclusiva o labor da educación en valores de igualdade, polo que apuntou que é “esencial a implicación das familias”, para o que resulta fundamental a sensibilización e formación en materia de igualdade de xénero, enfocada á ruptura de estereotipos e ás distintas implicacións que estes comportan na vida das persoas.

Para a secretaria xeral da Igualdade “as mulleres sumamos talento e abrimos camiño” polo que indicou que é preciso continuar traballando no fomento da creación de postos de traballo dirixidos á poboación feminina, favorecendo o emprendemento desde a innovación, con especial atención ao medio rural. É fundamental, en palabras de López Abella, apoiar o liderado feminino e a presenza de mulleres en todas as esferas da sociedade e aplicar políticas específicas para eliminar os estereotipos e roles que sustentan as desigualdades de xénero.

Na actualidade, a Xunta ten en marcha un programa de contacontos ilustrado para dar coñecer figuras de mulleres que tiveron un papel relevante no desenvolvemento da Galicia contemporánea no que participan un total de 35 centros escolares de educación infantil e primaria.

López Abella afirmou, así mesmo, que a plena igualdade, ademais, só será posible se existe unha asunción equitativa do traballo doméstico e de coidados no fogar. Así, sinalou que a Xunta aposta por un modelo de sociedade corresponsable no que mulleres e homes compartan de maneira equilibrada responsabilidades domésticas e familiares “no marco do necesario cambio cultural en torno aos usos do tempo”, engadiu.

Para rematar, indicou que o Goberno galego traballa para seguir promovendo o principio de igualdade e da transversalidade de xénero no deseño e implantación das políticas da Administración; para dar continuidade á mellora da formación do persoal docente en igualdade e prevención das violencias machistas; para fomentar a promoción da coeducación no conxunto da sociedade; e desenvolver actividades formativas e de asesoramento persoal en materia de educación afectivo sexual dirixidas á infancia e á mocidade que promovan relacións igualitarias e respectuosas.