A Xunta notifica as novas parcelas aos 722 propietarios da parcelaria de Val de Camba e abre o prazo de recursos durante un mes

O delegado territorial, Luis López, acompañado do alcalde de Rodeiro, Rubén Quintá, asistíu, no Campo da Feira de Río, á reunión informativa cos beneficiarios deste proceso, que recibirán as fichas individuais dos predios de substitución

O Goberno galego, que xa investíu 4,7 M€ nesta reestruturación, xa ten contratada a delimitación das novas fincas resultantes e permitirá, ao seu remate, a súa toma de posesión provisional se os recursos non superan o 6% dos propietarios

“Hoxe damos un paso fundamental, xa que coa colocación dos marcos e cos camiños secundarios en vías de facerse, poderíamos chegar pronto a un punto moi desexado como é a toma de posesión provisional dos novos predios”, explicou Luis López

Esta concentración reagrupará 1.854 hectáreas distribuídas actualmente en 7.529 parcelas que quedarán en só 1.724, incrementando a súa superficie media de 2.463 m² a 10.120 m², o que facilitará a realización das actividades agrogandeiras
 

Rodeiro, 17 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, segue a axilizar o proceso de concentración parcelaria de Val de Camba, no Concello de Rodeiro, xa que notificará individualmente aos 722 propietarios beneficiarios os predios de substitución, é dicir, as novas parcelas, ao tempo que abre o correspondente prazo de recursos durante un mes.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, asistíu este mediodía, acompañado polo xefe territorial do Medio Rural, Antonio Crespo, o alcalde de Rodeiro, Rubén Quintá, outros representantes municipais e persoal de Infraestruturas Agrarias, á reunión informativa celebrada no Campo da Feira de Río cos beneficiarios, que recibirán as fichas individuais coas fincas resultantes.

Neste multitudinario encontro, o representante autonómico explicou que, tras a Xunta Local da Zona de Concentración Parcelaria (ZCP) de Val de Camba celebrada en Rodeiro a finais de febreiro, elevouse unha proposta de acordo de reestruturación á Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, que foi aprobada o pasado 1 de marzo pola súa responsable, Inés Santé.

Por elo, hoxe deuse un paso máis co comezo da notificación das fichas individuais dos predios de substitución e abriuse, dende a correspondente recepción das mesmas, un prazo de un mes para que os beneficiarios estuden estes outorgamentos e presenten, se así o consideran, un recurso de alzada ante o conselleiro do Medio Rural. Ditas reclamacións deben circunscribirse exclusivamente ao valor, clase de terra e situación dos predios que lle foron atribuídos provisionalmente, quedando excluídas as referidas á titularidade e clasificación das parcelas de achega ou calquera outra materia propia das bases destas concentración parcelaria.

Paso fundamental

“Hoxe damos un paso fundamental para esta parcelaria, de tanta importancia para un concello tan forte no eido agrogandeiro como Rodeiro, xa que a colocación dos marcos e a rede de camiños secundarios xa están en marcha e poderíamos chegar moi pronto a un punto moi desexado polos propietarios como é a toma de posesión provisional dos novos predios”, explicou Luis López.

O Goberno galego, que xa investíu 4,7 millóns de euros neste procedemento entre traballos técnicos e obras, xa contratou a colocación dos marcos e as obras finais e, deste xeito, poderíase proceder á toma de posesión provisional dos novos predios cando remate este proceso administrativo sempre que os recursos contra este deseño e reparto de fincas non supere o 6% dos propietarios. Ademais, e segundo recollen as notificacións recibidas polos propietarios, estes poderán solicitar permutas ou modificacións voluntarias dos predios atribuídos por un período de dous meses.

Deste xeito, a Xunta afronta xa os últimos pasos dun procedemento que reagrupará 1.854 hectáreas distribuídas actualmente en 7.529 parcelas –o 70% de uso agrícola– que quedarán concentradas en só 1.724, incrementando a súa superficie media dos 2.463 m2 da actualidade a 10.120 m2 e beneficiando aos seus 722 propietarios para unha práctica máis funcional, cómoda e operativa dos seus labores agrogandeiros, xa que pasarán de ter 10,4 fincas de media a só 2,3.
 

Imaxes relacionadas