A Xunta celebra un novo obradoiro en liña para máis de 350 persoas sobre a perspectiva de xénero na clasificación de postos nos convenios colectivos

A Xunta acreditou no que vai de ano a formación de máis de 700 persoas que participaron en obradoiros virtuais de igualdade laboral

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, incidiu na necesidade de que as empresas avancen na igualdade e a erradicación de estereotipos
 

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2022

O espazo de teleformación da Xunta en materia de igualdade laboral ofreceu hoxe o quinto obradoiro gratuíto en liña de 4 horas co título A clasificación profesional nas empresas con perspectiva de xénero que contou con máis de 350 persoas inscritas.
Con esta nova actividade, que hoxe inaugurou a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, preténdese afondar nas garantías para crear sistemas de clasificación profesional neutros no marco dos convenios colectivos, así como a promoción da participación das mulleres en postos de dirección.
A de hoxe foi a quinta formación en liña que a Administración galega ofrece a través da plataforma que no que vai de ano xa acreditou a formación de máis de 700 persoas conta con rematar 2022 con máis de 5.000 prazas ofertadas. As persoas participantes poden obter o correspondente certificado de aproveitamento do taller sempre que asistan á sesión en liña e respondan satisfactoriamente a polo menos o 70 % das cuestións expostas no test de avaliación que se facilita ao seu remate con varios días para poder cumprimentalo.
A directora xeral lembrou o compromiso de Galicia coa igualdade entre mulleres e homes “desde o convencemento de que a igualdade real e efectiva pasa pola igualdade nas empresas, e a erradicación dos estereotipos e as falsas crenzas que a impiden”.
Impartiron a formación de hoxe a catedrática de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de León, Susana Rodríguez Escanciano; Catarina Capeáns, socia responsable da área de dereito laboral de Vento Abogados & Asesores; e María Santos e Rocío Piñeiro, en representación da empresa Lonza Biologics Porriño, como firma convidada para expor as súas prácticas na área da elaboración e aplicación do plan de Igualdade da empresa.
En 2022 o Goberno galego ofertará 5.000 prazas a través do seu espazo virtual de teleformación en igualdade laboral (https://igualdade-laboral.gal/) con cursos que afondarán, entre outras cuestións, na fenda salarial, a desconexión dixital, os teitos de cristal ou o teletraballo.

Formación básica

Mancha aproveitou para anunciar que desde o pasado 15 de marzo permanece aberto o prazo de inscrición da 6ª edición do curso de 8 horas de formación básica de igualdade, unha iniciativa de éxito que soamente o ano pasado permitiu certificar a formación dun total de 1.382 persoas. En dous días se acadaron xa as 400 inscricións.

Para a directora xeral, esta actividade permite que as persoas integrantes das mesas negociadoras dos plans de igualdade poidan realizar as súas funcións cun coñecemento mínimo da materia. “Esta formación de 8 horas vai directamente dirixida por tanto a facilitar os coñecementos básicos para a negociación e elaboración do plan, que se separa en diagnose e medidas de igualdade, así como que é o protocolo de acoso, o rexistro retributivo e a auditoría salarial”.
Mancha quixo lembrar ademais que algunhas de sentenzas mais importantes na materia están a dispor das persoas interesadas no novo repertorio xurisprudencial da web do campus de igualdade (https://igualdade-laboral.gal/), en formato escrito e audiovisual.

Imaxes relacionadas