O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou a través de videoconferencia na presentación desta iniciativa

Galicia acollerá entre o 5 e o 7 de maio o XV Congreso Internacional sobre a Infancia maltratada

A iniciativa organizada pola Federación de Asociaciones contra el maltrato infantil-End Child Prostitution (FAPMI-ECPAT España) e a Asociación contra o maltrato e o abuso infantil (Amino) celebrarase en Santiago de Compostela

Máis de 300 relatores e profesionais daranse cita na Cidade da Cultura para analizar e propor solucións que garantan os dereitos da infancia e adolescencia
 

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2022

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou na presentación do XV Congreso internacional sobre a infancia maltratada, organizado pola Federación de Asociaciones contra el maltrato infantil-End Child Prostitution (FAPMI-ECPAT España) e a Asociación contra o maltrato e o abuso infantil (Amino), que será entre o 5 e o 7 de maio en Santiago de Compostela.

O evento contará con máis de 300 relatores e profesionais do ámbito da infancia, que se darán cita na Cidade da Cultura para analizar e propor solucións que garantan os dereitos da infancia e a adolescencia. Baixo o lema Caminando en el Buen trato: consolidando modelos de protección, preténdese centrar a atención de todos os axentes involucrados na necesidade de recoñecer o bo trato como o punto de partida das accións necesarias para previr e protexer ás nenas, nenos e adolescentes fronte ao maltrato.

Jacobo Rey agradeceu aos organizadores polo seu esforzo e implicación nesta materia e, sobre todo, por escoller Galicia para unha iniciativa destas características. Neste sentido, salientou o amplo cartel de expertos que acudirá á cita e que completan representantes do ámbito universitario, sanitario, xurídico, policial, social, de entidades que traballan na protección á infancia, asociacións de familias e técnicos de equipos de intervención.

Así mesmo, o director xeral recoñeceu que este Congreso “vai ser unha oportunidade inmellorable” para analizar, desenvolver e propoñer melloras en cuestións como os procesos de transición á vida adulta, o acollemento familiar ou a saúde mental na infancia e a adolescencia.

 

Imaxes relacionadas