A Xunta fai partícipe do Ano Santo a toda a cidadanía galega cunha nova edición de “O teu Xacobeo”

O DOG publica a terceira convocatoria desta iniciativa que busca poñer en valor o Camiño de Santiago e reforzar a súa promoción a nivel internacional

O Goberno galego investirá 1,5M€ neste programa, que trata de complementar a programación do Xacobeo 21-22 con propostas culturais e creativas de entidades privadas e sen ánimo de lucro

Vigo, 16 de marzo de 2022

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a terceira convocatoria do programa O Teu Xacobeo, unha iniciativa coa que a Xunta de Galicia quere facer partícipe do Ano Santo a toda a cidadanía galega. O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, animou a sumarse a unha convocatoria que trata de complementar a programación do Xacobeo 21-22 con propostas culturais e creativas de entidades privadas e sen ánimo de lucro.
Cunha inversión de 1,5 millóns de euros, O Teu Xacobeo pretende espallar o Ano Santo por todos os recunchos de Galicia e involucrar no acontecemento a toda a poboación galega con proxectos socioculturais que xiren arredor do fenómeno xacobeo. Tal e como indica a convocatoria, o obxectivo é lograr a implicación de todos os axentes sociais, económicos e institucionais de Galicia abrindo a programación do Xacobeo á participación da cidadanía dende unha perspectiva ampla, multidisciplinar, plural e diversa.
O programa subvencionará iniciativas que se desenvolvan entre o 1 de maio e o 31 de outubro de 2022, con dúas liñas diferenciadas para entidades privadas e sen ánimo de lucro, que poderán presentar novos proxectos no ámbito artístico, gastronómico, patrimonial, deportivo, social ou educativo.
Para as iniciativas presentadas polas persoas físicas e xurídicas que se presenten como pequenas e medianas empresas, o Goberno galego reserva 500.000 euros, en tanto que ás entidades sen ánimo de lucro destínase 1.000.000 euros. En ámbolos dous casos, o procedemento para a concesión das subvencións deberá ser tramitado en réxime de concorrencia competitiva.
As entidades privadas poderán percibir, como máximo, o 60% do orzamento subvencionable, ata un máximo de 18.000 euros, en tanto que para as entidades sen ánimo de lucro, o máximo subvencionable é do 90%, ata un máximo de 15.000 euros. Tamén poderán presentarse solicitudes por agrupacións de entidades sen ánimo de lucro, e non se permitirá a presentación de máis dun proxecto por solicitante.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte á publicación no DOG.

Unha exitosa proposta

Alfonso Rueda recordou o éxito das anteriores edicións, que acadaron o obxectivo de involucrar á sociedade galega nun fenómeno, o do Xacobeo “que é de todos e do que debemos desfrutar todos os galegos”. O programa apoiou 572 proxectos en 200 concellos galegos nos que a Xunta investiu 8 millóns e que permitiron mobilizar ata 15 millóns de euros. “Puxo de manifesto que o Xacobeo está moi presente no conxunto da sociedade galega”, dixo o vicepresidente primeiro.

Imaxes relacionadas