A Xunta destaca en Porqueira que a nova Lei galega de igualdade recollerá un estatuto das mulleres rurais

Porqueira (Ourense), 16 de marzo de 2022

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, asistiu hoxe en Porqueira á inauguración da exposición Mulleres símbolo do rural, unha iniciativa da Asociación Escola Rural de Saúde da Limia, coa que colabora a Xunta, que percorrerá varias localidades do entorno para visibilizar o labor das mulleres e a súa contribución ao desenvolvemento das zonas onde viven. A Consellería de Emprego e Igualdade financiou con preto de 8.500 euros esta actividade a través das liñas de axudas de apoio ás entidades de iniciativa social e ao asociacionismo da Secretaría Xeral da Igualdade.
Susana López Abella destacou a importancia de dar a coñecer as historias das mulleres rurais galegas conferíndolles o espazo que se merecen. Ao respecto, puxo de manifesto o compromiso de Galicia coa igualdade e sinalou que a nova Lei incorporará, entre outros, un Estatuto das mulleres rurais e do mar e recollerase por primeira vez nunha normativa os requisitos mínimos de formación en igualdade. Así mesmo, lembrou que a Xunta ten en marcha o novo Plan Emprega Muller, dotado con 34,3 millóns de euros, de apoio á contratación e á formación con medidas específicas para o rural.

Imaxes relacionadas