O secretario xeral da Emigración e as entidades galegas en Venezuela analizan as liñas de colaboración dos próximos meses

Antonio Rodríguez Miranda mantivo en Caracas un encontro cos máximos responsables da Hermandad Gallega de Venezuela, do Centro Gallego de Maracaibo, da Hermandad Gallega de Valencia e do Centro Gallego de Puerto La Cruz, cos que analizou a actual situación das entidades tras estes dous anos de pandemia

O secretario xeral recordou que o traballo conxunto con estes centros é esencial para manter a tradición e cultura galega entre a colectividade e axudar a aqueles que máis o necesitan

Miranda mantivo ademais unha reunión co encargado de Negocios de España en Venezuela para actualizar a coordinación entre administracións de cara a mellorar a atención á colectividade galega

Caracas (Venezuela), 16 de marzo de 2022

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo nas últimas horas unha reunión cos máximos responsables dos centros galegos en Venezuela co obxectivo de coñecer de primeira man as necesidades que presentan actualmente e a situación que viviron nos últimos dous anos de pandemia, e deseñar as liñas de actuación e colaboración coa Xunta de Galicia nos próximos meses.
No encontro estiveron presentes o subdirector de Coordinación da Secretaría Xeral da Emigración, Antonio Casas e os presidentes da Hermandad Gallega de Venezuela, o Centro Gallego de Maracaibo, o da Hermandad Gallega de Valencia e o do Centro Gallego de Puerto La Cruz.
Miranda recordou que o ano pasado destináronse dende a Xunta de Galicia 326.000 euros a estes centros co obxectivo de garantir o funcionamento tanto dos centros de día e residencias de anciáns, como os puntos de información e atención aos galegos residentes en Venezuela. De feito, non podemos esquecer, que o 90% dos galegos que viven neste país están asociados a algunha destas entidades.
Neste encontro falouse de diversas cuestións que preocupan as entidades de galegos en Venezuela, como a reactivación de tódalas actividades tras dous anos de peches totais e parciais pola Covid-19, así como pola situación económica que está a vivir o país.

En Venezuela actualmente, segundo o Instituto Galego de Estatísticas, residen 32.310 galegos, dos que 12.714 naceron en Galicia.

Coordinación entre administracións

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Mirada, tamén mantivo nas últimas horas en Caracas unha reunión co encargado de Negocios de España en Venezuela, Ramón Santos, con quen analizou a coordinación das vías de colaboración dos diferentes órganos de representación do Estado coa comunidade autónoma para a mellora da atención á colectividade galega no país.

A reunión da continuidade á colaboración que ambas administracións desenvolven a prol dos galegos residentes en Venezuela e das entidades que os agrupan.

Imaxes relacionadas