A Xunta duplica espazos e servizos nos dous andares que ocupa a Fiscalía Provincial de Pontevedra

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, visitou hoxe unhas instalacións que duplican a superficie que tiñan nos xulgados da Parda e que pasan a ocupar dous andares con máis espazo para despachos, oficinas e arquivos

As reformas que se acometeron trala construción dun novo edificio xudicial en Pontevedra permiten contar agora cun espazo diferenciado para a Fiscalía de Menores

O Goberno galego mantén o seu compromiso coa modernización da xustiza, área para a que este ano se reservan case 170M€ nos orzamentos autonómicos
 

Pontevedra, 16 de marzo de 2022

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitou esta mañá as remodeladas instalacións da Fiscalía Provincial de Pontevedra, que duplican a superficie coa que contaban anteriormente para dar un mellor servizo aos cidadáns da provincia.

A ampliación da sede da Fiscalía provincial é consecuencia da construción dun novo edificio xudicial na Parda, o que permitiu que na actualidade haxa dous edificios unidos por unha pasarela interior. O Goberno galego investiu preto de 18 millóns de euros nunha actuación que deu paso á redistribución e mellora dos espazos anteriores. Dese xeito, o edificio vello quedou reservado para os servizos xudiciais de ámbito penal e para a Fiscalía Provincial, que se beneficiou dunha inversión de preto de 90.000 euros do Goberno autonómico para a súa ampliación.

A Fiscalía Provincial de Pontevedra duplicou a superficie asignada e, na actualidade, ocupa o cuarto andar -espazo no que anteriormente estaban os xulgados do Penal e de Menores- e tamén o quinto. A reforma permitiu dotar de máis despachos aos fiscais de área, así como ampliar as oficinas e os arquivos e crear un espazo diferenciado para a Fiscalía de Menores.

Alfonso Rueda puxo esta actuación como exemplo do compromiso da Xunta coa modernización da xustiza, xa que “una sociedade democrática precisa dunha xustiza áxil e próxima aos cidadáns”. Nese contexto, recordou que a ampliación dos xulgados da Parda formaba parte do Plan de Infraestruturas Xudiciais, que contou nos últimos anos cunha inversión de 125 millóns e que remata agora coa próxima inauguración da Cidade da Xustiza de Vigo, na que se investiron 42 millóns.

“Por suposto, imos seguir nesa liña”, indicou o vicepresidente primeiro. De feito, os orzamentos da Xunta para este ano reservan case 170 millóns para a área xudicial, na que destacan proxectos como a nova sede do Imelga en Santiago ou os novos edificios xudiciais da Estrada.

As actuacións construtivas vanse completar neste exercicio coa posta en marcha do terceiro Plan Senda (21-25) para seguir coa dixitalización da xustiza da man da Amtega, o que permitirá pechar o ano con todas as salas de vistas dos órganos xudiciais galegos dixitalizadas. “Ofrecer unha xustiza de calidade precisa tamén dun bo equipo de profesionais”, indicou Rueda, polo que a Xunta ten previsto destinar 3,7 millóns á mellora da carreira profesional do persoal ao servizo da administración da xustiza.

A modernización da xustiza implica tamén dar resposta ás necesidades dos cidadáns máis vulnerables, o por iso o Goberno galego traballa na implantación en todas as sedes xudiciais das cidades galegas de salas Gesell, onde as testemuñas menores de idade e tamén outras persoas especialmente vulnerables poden declarar en privacidade. Trala posta en marcha das salas Gesell nos edificios xudiciais de Ourense, Santiago e Lugo, estase a avanzar na súa posta en marcha en Pontevedra, A Coruña e Ferrol. Este servizo, que trata de evitar a vitimización secundaria, tamén formará parte das novas prestacións da Cidade da Xustiza de Vigo.
 

Imaxes relacionadas