Os concellos xa poden solicitar as axudas aos centros de información á muller, para previr a violencia de xénero, promover a igualdade e a conciliación

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o programa da Xunta, dotado con 6,2 millóns de euros, que permitirá aos concellos, consorcios ou mancomunidades, poñer en marcha programas contra a violencia de xénero e/ou a explotación sexual e para facilitar a corresponsabilidade e a igualdade

A iniciativa inclúe 4,3 millóns para financiar o funcionamento dos 84 Centros de Información á Muller (CIM) de Galicia con apoios máximos de ata 120.000 euros cando a solicitude da axuda sexa conxunta

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2022

Ábrese mañá o prazo co que contan as entidades locais de Galicia para solicitar as axudas da Xunta para apoiar o labor dos CIM, previr e tratar a violencia de xénero, promover a igualdade e a conciliación. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe este programa no que a Consellería de Emprego e Igualdade inviste 6,2 millóns de euros para o desenvolvemento de iniciativas dirixidas a promover a igualdade, a corresponsabilidade entre mulleres e homes e e previr e tratar a violencia de xénero e/ou mellorar as condicións das vítimas de explotación sexual. En concreto, poden optar a estes apoios ata o próximo 18 de abril os concellos, consorcios, mancomunidades, agrupacións ou asociacións de concellos.

As axudas, para as que se poderán solicitar anticipos de ata o 80% das axudas (na pasada convocatoria fixouse no 75%), inclúen financiamento para tres tipos de programas: fomento da conciliación; promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e tratamento da violencia de xénero; e apoio aos CIM.

O primeiro dos programas, para o fomento da conciliación, está dotado con 1,4 millóns de euros. A Xunta quere axudar con el a que as entidades locais poidan levar a cabo medidas (campamentos de verán, en Nadal ou outro tipo de medidas de conciliación) que fomenten a corresponsabilidade entre mulleres e homes con contías que van dos 18.000 euros para os concellos que se presenten de xeito individual aos 30.000 para peticións de xestión compartida. As contías máximas aumentan con respecto ás anteriores convocatorias, con 3.000€ máis no caso de que a xestión sexa individual e con 2.000€ máis para a compartida.

A segunda liña, con medio millón de euros de orzamento, céntrase na promoción da igualdade e da prevención e tratamento da violencia de xénero. A Xunta financia accións orientadas a previr a violencia de xénero e mellorar a situación persoal, social e laboral das mulleres vítimas, das súas fillas e fillos e das persoas delas dependentes. Ábrense estes apoios a medidas de loita contra a explotación sexual, incluída a prostitución. As contías neste caso van dos 15.000 aos 28.000 euros para entidades con solicitude individual ou en conxunto, respectivamente. As contías máximas aumentan nos dous casos en 3.000 euros.

Apoio decidido aos CIM

A terceira liña de axudas ten como obxectivo apoiar a rede de centros de información ás mulleres (CIM), integrada actualmente por 84 centros na nosa Comunidade e que dan cobertura a un total de 191 concellos. O Goberno galego apoia o financiamento dos postos de traballo dos CIM -dirección, asesoramento xurídico e atención psicolóxica- e dos axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero, destinando a este programa 4,3 millóns de euros. Cada entidade pode recibir como máximo 45.000 euros e ata 120.000 euros no caso das solicitudes de xestión compartida.

A Xunta leva investidos nestes programas cos que apoia o labor das entidades locais de Galicia para a promoción da igualdade, o fomento da conciliación e a loita contra a violencia de xénero máis de 64,6 millóns de euros desde 2009 ata o de agora, incluído a convocatoria deste ano.

Imaxes relacionadas