A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o presidente do organismo de conca mantiveron unha reunión para analizar o estado de tramitación de proxectos nos que interveñen ambas entidades

A Xunta e a Confederación do Miño-Sil coinciden na necesaria coordinación administrativa para impulsar proxectos de interese para que Galicia avance

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil salientaron a necesidade e importancia de coordinar a tramitación que ambas administracións deben abordar para avanzar en proxectos de interese que fagan avanzar á Comunidade.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o presidente do organismo de conca, José Antonio Quiroga, mantiveron unha reunión para analizar o estado e a tramitación pendente de proxectos que deben ser informados pola confederación hidrográfica, como os instrumentos de ordenación urbanística.

Vázquez Mejuto fixo fincapé no traballo de análise sectorial que fai este organismo durante a tramitación das diferentes figuras de ordenación que recolle a Lei do solo, co fin de garantir o equilibrio no relativo ás infraestruturas e equipamentos en materia de augas que precisan os concellos integrados na súa demarcación. Aclarou que deste xeito súmase ao obxectivo do Goberno galego de velar por un urbanismo responsable e sostible, que aposte por un crecemento ordenado e equilibrado de Galicia.

Asemade, durante a reunión tamén abordaron a oportunidade que representan os proxectos de conservación da natureza que contan con fondos europeos, e que beneficiarán a moitos cursos fluviais da demarcación Miño-Sil. Nese sentido, ambas administracións salientaron a importancia de intercambiar información e colaborar na tramitación das autorizacións e permisos necesarios para impulsar estas actuacións que poñen en valor o patrimonio natural da Comunidade galega.
 

Imaxes relacionadas