Luis López destaca en Pontevedra o traballo e as ferramentas da Xunta para a defensa dos dereitos dos consumidores

O delegado territorial reafirma o compromiso do Goberno galego cos cidadáns na adquisición xusta dos seus produtos e servizos e informa das opcións para a restitución dos seus dereitos a través das oficinas autonómicas de Consumo

O representante galego visitou o stand instalado pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo na Praza da Peregrina para desenvolver accións divulgativas e informativas con motivo do Día Mundial dos Dereitos das Persoas Consumidoras

Pontevedra, 15 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, promove a defensa dos dereitos dos consumidores por medio do traballo das súas oficinas, das ferramentas administrativas autonómicas e das accións de divulgación, segundo destacou esta mañá o delegado territorial, Luis López, na súa visita ao stand informativo instalado na Praza da Peregrina con motivo do Día Mundial dos Dereitos das Persoas Consumidoras.
O representante autonómico, que estivo acompañado polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e por outras representantes municipais, reafirmou o “decidido compromiso” do Goberno galego cos cidadáns para a adquisición ou contratación “xusta” dos seus produtos e servizos e informou de todos os mecanismos postos en marcha pola Xunta a través das oficinas de Consumo, como a emprazada no edificio administrativo de Campolongo.
Ademais, informou de que a Dirección Xeral de Comercio e Consumo vai emprender, dende este venres 18 de marzo, a iniciativa Venres de Consumo Responde, que consiste en charlas virtuais abertas a toda a cidadanía sobre diversas cuestións e que ten vocación de permanencia durante todo o ano “para facilitar a defensa dos dereitos dos consumidores, especialmente en temas sensibles como os servizos enerxéticos e de electricidade”.
O delegado territorial percorreu o stand autonómico con motivo desta efeméride, interesouse pola información que se achega aos cidadáns e valorou moi positivamente esta acción divulgativa, “xa que permite que todos coñezamos mellor os nosos dereitos como consumidores e saibamos de primeira man de todas as ferramentas que a Xunta pon á nosa disposición para a súa posible restitución”.
Así mesmo, tamén un premio á estudante de ESO Sabela Paz, do IES Frei Martín Sarmiento, que foi unha das gañadoras de toda Galicia do certame sobre A Factura da Luz convocado pola Xunta para concienciar á mocidade sobre o consumo enerxético. Recibíu un bono de 100 euros para facer compras nas librarías da cidade.
Paralelamente a este concurso, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo tamén desenvolveu obradoiros sobre esta materia en preto dunha trintena de centros educativos de toda Galicia que contaron, no caso da provincia de Pontevedra, con 1.166 alumnos participantes de nove colexios e institutos.
Finalmente, o delegado territorial concluíu a súa visita informando do balance da oficina de Consumo da cidade de Pontevedra no pasado ano, que rematou con 4.569 consultas realizadas polos cidadáns e 3.028 reclamacións presentadas, o que supón un incremento de queixas do 33% con respecto ao 2020.

Imaxes relacionadas