O conselleiro do Medio Rural facilitou persoalmente este material aos axentes e técnicos do distrito XVI Deza-Tabeirós

A Xunta amplía e mellora a dotación do persoal de loita contra os incendios forestais cunha entrega de roupa e botas a preto de 560 profesionais

José González destacou que esta medida suporá un investimento de arredor de 1,2 millóns de euros

Resaltou que este tipo de accións veñen confirmar a aposta do Goberno galego por un Servizo profesional, versátil e suficientemente dotado de medios

Lalín (Pontevedra), 15 de marzo de 2022

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, fixo hoxe entrega en Lalín de roupa para axentes ambientais e técnicos do distrito forestal XVI Deza-Tabeirós. En concreto, facilitóuselles diferente material aos 18 axentes e técnicos desta demarcación, de forma que cada un deles recibiu botas de inverno, anoraks, chaquetas -tanto cortaventos como de verán-, pantalóns -impermeables, de verán e de inverno-, xerseis e polos (de manga longa e curta).

O titular de Medio Rural explicou que este mesmo equipamento vaise entregar ao longo desta semana ata completar o total de 387 axentes ambientais e 170 técnicos repartidos polos 19 distritos forestais de Galicia. Esta medida, engadiu, suporá un investimento de arredor de 1,2 millóns de euros.

Neste acto, José González puxo en valor o compromiso da Xunta coa profesionalización do seu traballo, que tamén se plasma -sinalou- a través de diferentes melloras en eidos como a seguridade, as comunicacións, a mobilidade ou o aproveitamento das novas tecnoloxías, entre outras.

Renovación do parque móbil

O conselleiro resaltou ademais que todo este esforzo compleméntase coa permanente renovación do parque móbil a disposición deste persoal, tanto de vehículos todoterreo como de motobombas. Neste último caso, González adiantou que que en vindeiras datas vanse entregar seis motobombas novas ao Servizo de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais (Spdcif).

Estas medidas, indicou o conselleiro, veñen confirmar a aposta do Goberno galego por un Servizo profesional, versátil e suficientemente dotado de medios, porque “o seu labor é esencial na protección das persoas e da nosa riqueza forestal”, remarcou. Por iso, finalizou agradecendo e recoñecendo “unha vez máis” o traballo de todos estes profesionais e do conxunto do persoal que loita contra os lumes en Galicia.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural