A Xunta e o concello de Oia reforzan a súa colaboración para mellorar as infraestruturas rurais deste concello pontevedrés

Inés Santé tratou coa rexedora a posibilidade de avanzar na rede de infraestruturas de ocio deste municipio

No encontro abordáronse as oportunidades de dinamización do territorio que ofrece o programa Leader, neste caso, no marco dos proxectos non produtivos que representan un interese público, social ou colectivo para a zona na que se rexistran

A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural, que abrangue 15 concellos incluído Oia, promoveu un total de 51 proxectos que foron aprobados no período 2014-2020 cunha achega pública superior aos 3,3 millóns de euros
 

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2022

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, vén de reunirse coa alcaldesa de Oia, Cristina Correa, para avanzar na mellora de infraestruturas rurais deste concello pontevedrés. En concreto, tratouse a posibilidade de avanzar na rede de infraestruturas de ocio deste municipio.

Nesa liña, a directora xeral apuntoulle á rexedora as oportunidades de dinamización do territorio que ofrece o programa Leader, da man -neste caso- da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural (GDR 14), cuxa actuación abrangue un total de 15 concellos entre os que se atopa o de Oia. Así, dentro desta iniciativa pódese dar pulo, segundo explicou Inés Santé, non só a proxectos produtivos que supoñen a posta en marcha dunha actividade económica, senón tamén a outros non produtivos que representan un interese público, social ou colectivo para a zona na que se rexistran, como poden ser as infraestruturas de ocio que centraron a xuntanza.

Cabe lembrar que, no pasado exercicio, resultaron beneficiarios do Leader na nosa comunidade 280 proxectos que mobilizaron preto de 31 millóns de euros, dos cales a axuda pública foi de 13,6 millóns de euros. No marco destas iniciativas, creáronse preto de 205 novos empregos e consolidáronse outros 677 postos.

Por provincias, en Pontevedra aprobáronse 49 proxectos cunha achega pública de 2,4 millóns de euros, dos que oito iniciativas correspondían ao grupo de desenvolvemento rural 14 -o que inclúe Oia- con preto de medio millón de axuda. En Lugo, mentres, déuselle o visto bo a 69 iniciativas cunha achega total de 3,8 millóns, na da Coruña aprobáronse 79 proxectos cun montante de 3,4 millóns de euros e en Ourense houbo 83 iniciativas con 3,8 millóns de euros.


No que respecta a todo o período 2014-2020 que establece o Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia, foron aprobados 1.495 proxectos cunha axuda pública de 71,5 millóns de euros, os cales conseguiron consolidar 3.256 empregos e crear outros 933 novos postos de traballo. No que se refire ao GDR 14, aprobáronse 51 proxectos cunha achega pública de máis de 3,3 millóns de euros.
 

Imaxes relacionadas