A Xunta desenvolve un novo programa de encontros en liña para reforzar a información ás persoas consumidoras

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visita o punto informativo situado no Mercado de Abastos de Santiago de Compostela con motivo do Día mundial dos dereitos das persoas consumidoras

Este venres botan a andar as charlas on line de Consumo Responde cun encontro virtual sobre a factura da luz

O Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), atendeu en 2021 máis de 40.000 consultas, e tramitou máis de 18.600 reclamacións, un 13% máis que o ano anterior

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2022

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, que visitou hoxe no Mercado de Abastos de Santiago de Compostela un dos puntos informativos habilitados pola Xunta con motivo do Día mundial dos dereitos das persoas consumidoras, sinalou que o Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) vai activar esta semana un novo programa de charlas en liña para reforzar a información que se ofrece ás persoas consumidoras. Así, o primeiro dos encontros de Consumo Responde celebrarase este venres 18 de marzo ás 12:30 horas a través da aula virtual do IGCC, e centrarase na factura da luz.

Dentro dos actos cos que a Xunta de Galicia celebra o Día mundial dos dereitos das persoas consumidoras, hoxe activáronse puntos de información en rúas e prazas das cidades galegas, nos que se convida á cidadanía a coñecer máis sobre os seus dereitos como persoas consumidoras e sobre as ferramentas que a Administración autonómica pon ao seu dispor no ámbito da información, a formación e o asesoramento, así como na resolución de conflitos. Así, o IGCC conta con oficinas nas sete principais cidades galegas, e co teléfono gratuíto 900 23 11 23. Ademais, a través da web consumo.xunta.gal, as persoas consumidoras poden informarse e tramitar en liña as súas reclamacións.

Durante o ano 2021, a Xunta, a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, atendeu 40.047 consultas de persoas consumidoras, fronte ás 39.133 do ano 2020 (o que supón un incremento do +2%). No caso das reclamacións, o ano pasado incrementáronse nun +13%, alcanzando as 18.621, fronte ás 16.443 do ano anterior. Os sectores que máis reclamacións xeraron foron as telecomunicacións, cun 26,6% do total, e a enerxía, cun 19,1%. Ademais, en 2021 emitíronse 2.798 laudos arbitrais, fronte aos 2.424 de 2020, o que supón un incremento do +15,4%.

Con motivo do Día mundial dos dereitos das persoas consumidoras, o IGCC tamén está a realizar preto dunha trintena de accións formativas en diferentes centros educativos da xeografía galega, e estanse a entregar os premios do certame sobre a factura da luz para escolares organizado polo IGCC, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade, no cal se premiou a 25 rapaces e rapazas de 4º da ESO de toda Galicia con vales de 100 euros para mercar na librería da súa elección.

Imaxes relacionadas