A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asistiu esta mañá á xunta xeral e ao consello de administración da sociedade Solo Empresarial do Atlántico

Ángeles Vázquez anima ao novo presidente de SEA a sumarse á política de bonificacións da Xunta para contribuír ao impulso da actividade empresarial

Durante o período 2015-2021, a Xunta adxudicou nos seus polígonos industriais case 2,5 millóns de m2 a prezos reducidos, o que se traduciu nun aforro de 73,5 M€

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2022

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, animou esta mañá aos membros da sociedade pública Solo Empresarial do Atlántico (SEA) a sumarse á política de incentivos e bonificacións que vén aplicando a Xunta desde o ano 2015 nos seus polígonos, co fin de que contribúan así ao impulso da actividade económica e empresarial en Galicia.

No marco do consello de administración da entidade durante o que foi elixido como presidente Fidel Vázquez —o quinto que ocupa este cargo desde 2018—, Vázquez Mejuto aproveitou a ocasión para trasladarlle ao novo responsable de SEA, como xa fixera cos seus predecesores, a necesidade de que todos os organismos públicos con solo empresarial en Galicia camiñen na mesma dirección, apostando polo establecemento de medidas e incentivos que atraian ao maior número de empresas.

Neste sentido, salientou que o obxectivo co que naceu SEA —no que o Goberno autonómico ten unha participación de case o 15%— foi fomentar o desenvolvemento e a comercialización dos parques industriais na Comunidade. Así, tras incidir nos “excelentes resultados” dos descontos de entre un 30% e un 50% que a Consellería vén aplicando desde fai anos nas súas parcelas, Vázquez Mejuto lembrou que, a día de hoxe, todo o solo industrial urbanizado que ten dispoñible a Xunta se pode adquirir con bonificacións.

Froito destas políticas, durante o período 2015-2021 o Goberno galego adxudicou case 2,5 millóns de metros cadrados a prezos reducidos, o que se traduciu para as máis de 500 empresas asentadas nestas parcelas nun aforro de 73,5 millóns de euros.

Por iso, Ángeles Vazquez considerou que no contexto económico actual resulta “clave” e máis importante que nunca seguir apoiando os proxectos e iniciativas empresariais que buscan establecerse na Comunidade ou expandir a súa presenza na mesma.

De feito, subliñou que este ano a Xunta destinará 34,3 millóns de euros nas contas de 2022 para financiar actuacións de solo empresarial, dos cales 7,5 millóns de euros se destinarán ás bonificacións e a partida restante, 26,6 millóns de euros, servirá para impulsar actuacións que optimicen os parques empresariais de toda Galicia.

Imaxes relacionadas