Fernández-Tapias: “A xente nova está especialmente concienciada cos temas de consumo e a tarificación eléctrica”

A delegada territorial da Xunta en Vigo participou hoxe nos actos organizados no Mercado das Travesas con motivo do Día Mundial dos Dereitos das Persoas Consumidoras

A representante autonómica fixo entrega de bonos de 100 euros ao alumnado do Rosalía de Castro de Vigo e do IES Monte Carrasco de Cangas premiado no concurso “A Tarifa da Luz”

Vigo, 15 de marzo de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, destacou hoxe a crecente concienciación entre a xente nova respecto dos temas relacionados co consumo e, especialmente, coa tarificación eléctrica.

Nun acto organizado polo Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) no Mercado das Travesas con motivo da celebración do Día Mundial dos Dereitos das Persoas Consumidoras, a representante autonómica fixo entrega de bonos de 100 euros ao alumnado da Escola Rosalía de Castro de Vigo e do IES Monte Carrasco de Cangas que resultou premiado no marco do concurso “A Tarifa da Luz”.

Fernández-Tapias incidiu así no éxito da campaña posta en marcha pola Xunta e dirixida a alumnos de 4º da ESO, que consistiu no análise dunha factura da luz. Neste contexto, avogou por intensificar este tipo de iniciativas co obxectivo de procurar un mellor coñecemento dos mercados e outorgar ferramentas para a toma de decisións.

O alumnado premiado poderá intercambiar o bono por material escolar nas librerías da súa elección, neste caso as viguesas Cíes, Panda, Boheme ou Carlín no caso da Escola Rosalía de Castro e Vilafer no do IES Monte Carrasco de Cangas.

Unha acción divulgativa que, informou, compleméntase con intervencións formativas nos diferentes centros educativos galegos e que inclúe tamén unha xornada formativa a través do aula virtual de consumo, o vindeiro venres 18 de marzo ás 12.30 horas, que terá como obxecto a factura da luz.

Xa por último, a delegada territorial lembrou a posta a disposición da cidadanía da oficina de Vigo de Consumo da Xunta a través da que se ofrece atención e asesoramento presencial, e que o ano pasado rexistrou 5.320 consultas e 3698 reclamacións. A meirande parte delas relacionadas cos sector enerxético e das telecomunicacións. A cidadanía tamén ten ao seu dispor o teléfono gratuíto 900 23 11 23.

Imaxes relacionadas