A Xunta convoca 90 prazas de estadías formativas en empresa dirixidas a profesorado de FP

O obxectivo é avanzar na mellora do sistema educativo a través da formación permanente dos seus docentes

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia vén de convocar as estadías formativas en empresas ou institucións para o ano 2022 dirixidas ao profesorado de FP e de artes plásticas e deseño. A finalidade destas accións é avanzar na mellora do sistema educativo a través da formación permanente dos seus docentes, achegándoo ás novidades do mundo produtivo e aos seus avances tecnolóxicos.

Ao abeiro desta iniciativa que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade financia con preto de 180.000€, ofértanse un total de 90 prazas, 20 delas vencelladas á relación de empresas colaboradoras indicadas na convocatoria. O resto das prazas son libres, de tal forma que o docente pode escoller en que empresa realizará a estadía.

As persoas interesadas terán ata o día 23 de marzo para iniciar o proceso de solicitude, a través da aplicación fprofe. As empresas e institucións nas que soliciten realizar o período formativo poderán ser tanto de Galicia como do resto de España. A duración total de cada estadía será como mínimo de oito goras e como máximo de 160 horas, e deberán desenvolverse entre o 20 de abril e o 10 de setembro deste ano.

O profesorado participante contará cunha bolsa de estudos dependente do número de días e dos quilómetros de desprazamento. A contía máxima que poderá percibir o profesorado que realice unha estadía formativa en Galicia pero fóra do termo municipal da súa residencia habitual ou do seu centro de destino será de ata 1.300€, mentres que para estadías fóra de Galicia acadará os 2.000€ como máximo.
 

Imaxes relacionadas