A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o director do Instituto Galego da Vivenda e Solo estiveron hoxe en Lugo no marco do foro informativo #ConstruíndoFogar

A Xunta destinará este ano máis de 1,5 M€ en axudas para que os mozos galegos poidan mercar a súa vivenda en concellos de menos de 10.000 habitantes

A nova convocatoria prevé subvencións por un importe máximo de ata 10.800 euros co fin de favorecer o asentamento de persoas menores de 35 anos en municipios destas características, que no caso de Galicia son 257

Ángeles Vázquez subliña a importancia que terá este programa na provincia lucense, onde os incentivos poderán aplicarse en 61 dos seus 67 concellos, e anima a particulares e empresarios do centro de Lugo a aproveitar a oportunidade que suporán a trintena de axudas que xestionará o seu departamento este ano no eido residencial

Lugo, 14 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia destinará este ano máis de 1,5 millóns de euros a través dunha nova convocatoria do programa de axudas dirixido a mozos que opten por mercar a súa vivenda habitual nun concello de menos de 10.000 habitantes. Este é o orzamento mínimo garantido para esta liña de subvencións, que desde a súa posta en marcha no ano 2018 tivo unha gran acollida entre a xuventude galega.

Así o subliñou hoxe en Lugo a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante o terceiro dos encontros informativos #ConstruíndoFogar que organiza o seu departamento e que seguirán percorrendo varias comarcas galegas nas vindeiras semanas para dar a coñecer entre os seus potenciais beneficiarios o conxunto de liñas de subvencións en materia de vivenda que se convocarán en 2022.

Acompañada polo delegado territorial da Xunta na provincia, Javier Arias, e ante máis de 200 representantes municipais, empresarios, profesionais de distintas ramas do sector e veciños dos 40 concellos da zona centro da provincia, Ángeles Vázquez subliñou a gran oportunidade que suporá para Galicia a trintena de programas de axudas e incentivos que xestionará a Xunta este ano e que permitirán poñer á disposición de particulares, concellos e promotores máis de 150 millóns de euros para actuar no eido residencial.

Así, a responsable autonómica aproveitou a súa presenza na cidade para animar a todos os asistentes a aproveitar estes fondos e axudar tamén á Xunta na súa difusión co fin de garantir que cheguen ao maior número posible de beneficiarios.

Neste sentido e con respecto ás axudas para compra de vivenda dirixidas aos menores de 35 anos, explicou que se prevén incentivos de ata 10.800 euros que favorecerán o asentamento da xuventude en zonas de Galicia cun menor dinamismo demográfico.
En concreto, a conselleira indicou que estas subvencións estarán dispoñibles para a mocidade no 82% dos municipios da Comunidade, xa que 257 concellos galegos teñen menos de 10.000 habitantes. No caso de Lugo a porcentaxe é incluso maior, tendo en conta que 61 dos 67 municipios desta provincia cumpren co requisito de poboación fixado.

En todo caso, Ángeles Vázquez subliñou que, de forma complementaria a este tipo de incentivos económicos, a Xunta seguirá impulsando actuacións directas para incrementar o actual parque público residencial, sobre todo en municipios que, como Lugo, concentran unha maior demanda. Neste sentido, avanzou que proximamente se entregarán 6 vivendas protexidas rehabilitadas pola Xunta na Tinería e que, ademais, neste primeiro semestre do ano licitarase o proxecto para construír 57 VPP no barrio do Castiñeiro, cun investimento estimado de 7,8 millóns de euros.

Ademais, no marco do concurso de solo residencial que ten previsto convocar proximamente a Consellería, incluiranse 2 parcelas en Garabolos, con capacidade para edificar nas mesmas un total de 370 novas vivendas protexidas.

Beneficiarios en Lugo centro

Durante a súa intervención no foro, a conselleira animou aos asistentes a informarse sobre o amplo abano de axudas en materia de vivenda ao que poderán optar en 2022 e contribuír deste xeito a dinamizar o mercado da vivenda na zona centro da provincia.

Así, o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, fixo unha presentación detallada dos programas que xestionará en 2022 este organismo, incidindo especialmente nos requisitos de acceso, os colectivos aos que van dirixidos, as contías máximas das axudas e os prazos de presentación, no caso dos que xa foron publicados.

En concreto, haberá incentivos á rehabilitación residencial dirixidos a particulares e comunidades, como as axudas a nivel de barrio, que se poden solicitar xa desde o 4 de marzo para obter unha axuda de ata 3.000 euros para mellorar a eficiencia enerxética dos fogares, principalmente a través do cambio de ventás.

Así mesmo, co fin de facilitar o acceso a unha vivenda en propiedade, está aberto ata o 30 de setembro o prazo para solicitar as axudas para comprar unha VPP ou para adquirir un inmoble nun dos case medio cento de centros históricos declarados en Galicia.

No eido do alugueiro, manteranse programas xa consolidados, como as axudas ao alugueiro ou o Bono social e o Bono para vítimas de violencia de xénero, ao tempo que se empezarán a xestionar novos incentivos, como o Bono de alugueiro mozo.

Cómpre lembrar que as últimas convocatorias dalgún destes programas tiveron moi boa acollida entre os 40 concellos que integran a comarca de Lugo centro.

A modo de exemplo, o ano pasado 19 mozos de 11 municipios desta zona —6 en Monterroso; 2 en Portomarín, O Corgo e Láncara; e 1 nos de Friol, A Fonsagrada, Antas de Ulla, Begonte, Palas, Riotorto e Samos— recibiron unha axuda para mercar a súa vivenda habitual.

Así mesmo e tendo en conta que tres itinerarios xacobeos discorren por 18 dos 40 concellos desta comarca e polo tanto, forman parte da ARI dos Camiños de Santiago, os propietarios de inmobles nestes municipios poderán optar ata o 30 de setembro a unha axuda de ata 25.000 euros para rehabilitar a súa vivenda. Unha subvención da que o ano pasado xa se beneficiaron 34 persoas da zona centro de Lugo por un importe global de máis de 227.000 euros.

Imaxes relacionadas