A Xunta recibe 17 ofertas para executar as obras de renovación do saneamento de Vilagarcía de Arousa, que comezarán a finais de verán, cun investimento de case 10 M€
Renovaranse os colectores na avenida de Rodrigo de Mendoza e executaranse dous tanques de tormentas e un treito de colector na avenida de Cambados co obxectivo de solucionar os problemas nas redes
Os tanques instalaranse na zona da Praza e en Fexdega e os colectores na rúa García Caamaño e na marxe dereita do río Con
A Xunta recibe 17 ofertas de empresas para executar as obras de renovación do sistema de saneamento de Vilagarcía de Arousa, que comezarán a finais de verán, cun investimento de case 10 millóns de euros.
Na rede de sumidoiros de Vilagarcía existe un exceso de sólidos, ineficiencia dos colectores e unha entrada excesiva de augas limpas e auga do mar que, mesmo con precipitacións moderadas, que causan inundacións e vertidos.
Para solucionar eses problemas, proxéctase a renovación da rede de colectores na avenida de Rodrigo de Mendoza e a execución de dous tanques de tormentas, e a execución dun novo treito de colector na avenida de Cambados.
Os tanques de tormentas instalaranse na contorna da Praza, cun volume de retención de 3.700 metros cúbicos; e en Fexdega, cunha capacidade de 2.080 metros cúbicos.
A renovación dos colectores efectuarase na rúa García Caamaño, na marxe dereita do río Con e no cruce, ademais das impulsións correspondentes a cada un dos tanques de tormentas.
A intervención conta co cofinanciamento de fondos europeos do programa operativo Feder Galicia 2014- 2020.
Ampliación da depuradora municipal
En paralelo á contratación destas obras, a Xunta avanza na tramitación da ampliación da depuradora municipal, que inclúe un novo pretratamento, un reactor biolóxico de leito móbil e unha ampliación da decantación secundaria.
Este proxecto suporá un investimento de 23,1 M€, unha cantidade que supera en moito a media de gasto na construción e ampliación de depuradoras en Galicia.
Trátase dunha tramitación complexa, pola necesidade de modificar o PXOM, de xestionar a parcela e outras cuestións nas que se van avanzando co obxectivo de poder impulsar as obras canto antes.
O Goberno galego vai investir en conxunto máis de 33 M€ na mellora do saneamento e depuración de Vilagarcía para solucionar os vertidos que condicionan a actividade dos profesionais da pesca, o marisqueo e a acuicultura.
O obxectivo do conxunto das actuacións previstas é acabar co 97% dos vertidos á ría de Arousa que se producen desde este municipio.
As melloras de saneamento como as proxectadas no concello de Vilagarcía de Arousa, contribúen a avanzar no estado dos bancos marisqueiros e da súa produtividade, o que facilita o traballo dos profesionais do marisqueo e dos produtores de mexillón.