O servizo de prevención e defensa contra os incendios da Xunta instrúe a alumnos de Formación Profesional de Santiago nas funcións dos efectivos contra o lume

En concreto, desprazáronse ao CIFP compostelán unha axente ambiental, unha brigada de bombeiros e unha motobomba con condutor do Distrito Forestal III, para mostrar como actúan ante os incendios e nas tarefas do seu día a día

Tamén foi unha unidade técnica de apoio, despregada nalgúns lumes cun furgón adaptado e con tecnoloxías como antena parabólica, dron ou programas informáticos de xestión de medios, para a dirección e coordinación dos traballos de extinción
 

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2022

Efectivos e medios do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia veñen de desprazarse ao Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) de Santiago de Compostela, para mostrar a alumnos do módulo de Defensa contra Incendios Forestais do Ciclo Superior de Xestión Forestal e do Medio Natural como actúan nas tarefas do seu día a día, así como na extinción dos lumes. En concreto, acudiron ao centro unha axente ambiental, unha brigada e unha motobomba con condutor do Distrito Forestal III Santiago-Meseta Interior, ademais dunha unidade técnica de apoio (UTA).
Na exposición sobre o traballo do Servizo, cobrou especial importancia a explicación sobre o funcionamento da UTA. Dependente da Dirección Xeral de Defensa do Monte, emprégase como unha oficina móbil nalgúns incendios, pola superficie que afectan, pola peculiaridade dos propios lumes ou porque existe risco para as persoas ou bens, entre outras cuestións. En concreto, esta unidade contribúe á dirección e coordinación dos traballos de extinción, ademais de apoiar e asesorar ao director técnico de extinción do lume na toma de decisións e operacións.
Formada por dous vehículos e por persoal técnico que se desprega como apoio loxístico e técnico á extinción dos incendios, a UTA inclúe un furgón adaptado, equipado con tecnoloxías como antena parabólica, dron, ordenadores, impresoras de varios tamaños e formatos, emisoras de comunicación e equipo meteorolóxico. Tamén con programas informáticos de xestión de medios, sistema de información xeográfica e simuladores de meteoroloxía e recepción de imaxes.
Entre outras particularidades do operativo, na formación protagonizada polo Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais explicouse como se traballa con drons para a detección, extinción e investigacións dos lumes forestais.
 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural