A Xunta publica as guías de ordenación produtiva cos usos máis idóneos para as aldeas modelo de Pedrosa en Riós e Bustelo de Fisteus en Quiroga

Os produtores interesados en incorporarse a algunha destas aldeas poden consultar as guías nos taboleiros de anuncios dos concellos pertinentes ou na Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

Poderán realizar as achegas que consideren oportunas no prazo dun mes a contar dende mañá, día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio da Consellería do Medio Rural polo que se someten a información pública os borradores de guías de ordenación produtiva de dúas aldeas modelo: da de Pedrosa, no concello ourensán de Riós, e da de Bustelo de Fisteus, no concello lugués de Quiroga.

Estas guías de ordenación produtiva configúranse como un documento técnico no que se delimitan os usos produtivos máis idóneos para a explotación das parcelas incluídas nestas aldeas modelo, dende os puntos de vista económico, técnico, social e ambiental. Nesa liña, contémplanse unha serie de usos preferentes e outros secundarios. Así mesmo, indícanse os prazos e prezos establecidos para os grupos de cultivos e aproveitamentos, así como a descrición das actuacións a levar a cabo para a súa posta en produción.

Así, no caso da aldea modelo de Pedrosa, en Riós, establécense como usos idóneos o aproveitamento gandeiro en extensivo, árbores froiteiras e cultivos agrícolas de ciclo curto. Cabe lembrar que esta iniciativa servirá para recuperar unha superficie de 12,68 hectáreas na contorna do núcleo de poboación que se porá en valor, distribuídas en 269 parcelas de 38 propietarios.

Mentres, na aldea de Bustelo de Fisteus, en Quiroga, apóstase polo aproveitamento gandeiro en extensivo, cultivos de horta, árbores froiteiras e castiñeiros. Neste caso, a figura abrangue unha superficie de 52,03 hectáreas na contorna do núcleo de poboación, distribuídas en 922 parcelas de 164 propietarios.

Os produtores interesados en incorporarse a algunha destas aldeas modelos deben ter en conta que estes borradores de guías de ordenación produtiva se someten a información pública polo prazo dun mes a contar dende mañá, tempo durante o que poderán realizar as achegas e alegacións que consideren oportunas. Estas guías poden consultarse tanto nos taboleiros de anuncios dos concellos nos que se sitúen as aldeas modelo como na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (https://agader.xunta.gal/gl/banco-de-terras/aldeas-modelo/). De xeito presencial, os interesados en obter toda a información poderán achegarse ás dependencias da Axencia (lugar da Barcia, nº 56, Laraño, Santiago de Compostela), de luns a venres, das 9,00 ás 14,00 horas, logo de solicitar cita previa no número de teléfono 881 997 193.