A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural clausurou esta primeira edición, celebrada no Pazo de Quián de Sergude

A Xunta anima aos participantes no I Torneo Internacional de Debate a coñecer o potencial do rural galego

Inés Santé trasladoulles os pasos que está dando a Consellería do Medio Rural a través da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia para poñer en valor terra produtiva que a día de hoxe se atopa en estado de abandono ou infrautilizada

Boqueixón (A Coruña), 13 de marzo de 2022

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, acompañada da directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, clausurou esta mañá no Pazo de Quián (en Sergude, Boqueixón) a I edición do Torneo Internacional de Debate BP Compostela. Na súa intervención, a representante da Xunta agradeceu a participación de máis dun cento de estudantes de toda España e parte de Latinoamérica e convidounos a seguir coñecendo o potencial do rural galego, centrándose na actividade agroalimentaria sostible e de calidade e coa vista posta nas futuras aldeas intelixentes.

Neste sentido, Inés Santé trasladoulles os pasos que está dando a Consellería do Medio Rural a través da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia para poñer en valor terra produtiva que a día de hoxe se atopa en estado de abandono ou infrautilizada. E, precisamente, o complexo do pazo de Quián -o “Espello do rural”- dará mostra dese potencial que ten o agro galego, vinculando os sector agropecuario e forestal, pasando polos ámbitos máis próximos á gastronomía e ao turismo e convertendo esa finca de 90 hectáreas sita no municipio de Boqueixón nun escaparate real do que engloba o rural de Galicia.

Por último, a responsable da Administración autonómica amosou o seu orgullo polo feito de que este evento contribúa a poñer en valor á muller, despois do seu día conmemorativo, algo que -sinalou- se aprecia en detalles coma os nomes das aulas de debate, xa que todas elas están bautizadas con nomes de grandes mulleres.
 

Imaxes relacionadas