Galicia enxalza a calidade dos produtos do mar no mercado americano coa súa participación na feira Seafood de Boston

A Xunta participa neste certame cun posto institucional de 180 metros cadrados que acolle a 11 empresas coexpositoras do complexo mar-industria galego

A comunidade aproveitará este evento para promocionar os seus produtos do mar ao abeiro da campaña GALICIA SABE AMAR e favorecer que as empresas establezan novos lazos comerciais con compañías doutros puntos do mundo

Esta feira é a maior exposición comercial de produtos do mar de América do Norte, que vai xa pola súa 40ª edición tralo parón obrigado en 2020 e 2021 pola alerta sanitaria da covid-19

Este encontro comercial adoita atraer a máis de 20.000 compradores e provedores de máis dun cento de países así como a unhas 1.300 empresas coexpositoras de máis de 50 países, o que o convirte nun foro de vital importancia para impulsar a exportación e a presenza internacional das empresas galegas

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2022

A Consellería do Mar participa na Seafood Expo North América, que se celebra entre hoxe e o próximo martes en Boston, co obxectivo de promocionar os produtos do mar de Galicia, enxalzar a súa calidade e buscar novas oportunidades de negocio. Deste xeito, o Executivo galego volve estar representado neste evento, a maior exposición comercial de produtos do mar de América do Norte, que vai xa pola súa 40ª edición e que se retoma tralo parón obrigado en 2020 e 2021 pola alerta sanitaria do coronavirus.

A Consellería do Mar conta neste certame cun posto institucional de 180 metros cadrados de superficie que alberga a un total de 11 empresas coexpositoras. Esas firmas son Pereira Productos del Mar, Fesba, Pescados Rubén, Frigoríficos Arcos, Oversea Atlantic Fish, Frigoríficos Botana, Salgado Congelados, Congelados Noribérica, Frioantartic, Atunes y Lomos e Lanzal Productos del Mar. Na feira, a maiores destas empresas, participan outras do complexo mar-industria de Galicia que contan con posto propio.

A Xunta participa neste evento desde o ano 2015 e o seu espazo expositivo permite tamén que as empresas poidan manter reunións co obxectivo de establecer lazos comerciais e de buscar novos clientes. A maiores, nunha parte do posto realizaranse demostracións culinarias entre os visitantes cos produtos de distintas empresas coexpositoras.

O Executivo galego aproveitará este certame para poñer en valor a calidade dos produtos do mar ao abeiro da campaña GALICIA SABE AMAR e animará aos asistentes a coñecer e degustar os peixes e mariscos galegos co obxectivo de que as empresas da comunidade poidan establecer novos lazos comerciais con compañías doutros puntos do mundo.

A feira

A Seafood Expo North América de Boston é o evento comercial de produtos do mar máis grande de América do Norte e adoita atraer máis de 20.000 compradores e provedores de produtos frescos, conxelados, envasados e de valor engadido dos produtos do mar e da acuicultura, equipos e servizos procedentes de máis dun cento de países.

En canto ao número de expositores, nas edicións previas á pandemia participaban máis de 1.300 empresas chegadas de máis 50 países e pertencentes aos sectores do peixe e do marisco fresco e conxelado, os produtos elaborados, os equipamentos, os servizos loxísticos para a industria e os provedores do sector pesqueiro de elaboración de produtos alimentarios. Trátase dun certame no que a maioría dos asistentes atopan novos produtos ou provedores ou pechan algún acordo comercial novo, polo que é de vital importancia para impulsar a exportación e a presenza internacional das empresas galegas do complexo mar-industria.

Imaxes relacionadas