A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o alcalde mantiveron unha reunión na que analizaron os detalles deste proxecto

A Xunta analiza colaborar na obra para revitalizar a praza pública do núcleo rural de San Cibrao das Viñas

Ángeles Vázquez indicoulle que a Dirección Xeral de Urbanismo estudará o proxecto, co fin de determinar os termos da futura cooperación

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2022.- A Xunta analizará colaborar na obra para revitalizar a praza pública do núcleo rural de San Cibrao das Viñas, entre as rúas Principal (estrada OU-0517), Ricardo Vidal e da Ruela. Así llo adiantou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, ao alcalde, Manuel Pedro Fernández, co que mantivo unha reunión para analizar proxectos de urbanización de interese municipal.

A conselleira indicoulle que a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo estudará o proxecto, co fin de determinar o tipo de colaboración que se pode fixar para a materialización da obra.

A conselleira recoñeceu que a praza na que se quere actuar é un ámbito importante para o concello, non só polo valor histórico do mesmo —nel emprázanse as vivendas do barrio orixinario—, senón tamén polo punto de encontro social que representa.

No encontro, o alcalde detallou que a mellora que se pretende implicará pequenos traballos de acondicionamento de terras, nunha superficie de 215 m2, e de levantamento do firme actual, para colocar un novo de granito co que dar continuidade á rúa contigua á praza.

Asemade, será preciso retirar o pasamáns metálico actual, en mal estado, e restituílo por un novo; reparar as escadas na zona de pendente; e colocar mobiliario urbano —bancos acordes á contorna, papeleiras e estruturas ornamentais para elementos naturais—, para facelo máis humano e accesible para os veciños.

Imaxes relacionadas