A Xunta reafirma en Sanxenxo o seu apoio á Federación de mulleres de Pontevedra e aposta polo asociacionismo para avanzar cara a igualdade

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, interveu hoxe na entrega dos Premios Mulleres Femupo, un colectivo que o Goberno galego apoiou en 2020 e 2021 con 35.000 euros a través dun convenio de colaboración para loitar contra a violencia de xénero

Sanxenxo (Pontevedra), 12 de marzo de 2022

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe en Sanxenxo o apoio da Xunta ao movemento asociativo de mulleres no acto de entrega dos Premios Mulleres Femupo, da Federación pola igualdade das mulleres da provincia de Pontevedra.

Na súa intervención, gabou o traballo que desenvolve Femupo para avanzar cara a igualdade de oportunidades “real e efectiva” entre mulleres e homes e sinalou o apoio da Administración autonómica a este movemento con 35.000 euros entre 2020 e 2021 a través dun convenio de colaboración para o desenvolvemento de actuacións de concienciación e sensibilización sobre a violencia de xénero incluídas no Proxecto Mulleres en Construción. Trátase dunha iniciativa que realiza Femupo e que se centra en analizar e atopar solucións para rematar coa violencia de xénero en todos os ámbitos da provincia de Pontevedra a través de accións de visibilización, formación e sensibilización, así como actividades de liderazgo feminino.

López Abella afirmou que o asociacionismo feminino é unha estratexia para avanzar na construción da igualdade entre mulleres e homes, polo que apostou por dinamizalo en espazos diversos de participación cidadá e órganos de consulta das administracións públicas. A secretaria xeral da Igualdade indicou tamén a necesidade de impulsar a difusión das achegas do movemento feminista ao avance nos dereitos das mulleres e ao progreso social e proseguir na senda da posta en valor do papel das mulleres en todos os ámbitos. Así mesmo, precisou a importancia de afondar no labor de impulso do acceso das mulleres ás esferas de decisión e o fomento do seu liderado, promovendo unha maior presenza en cargos políticos e nos eidos académico, de investigación ou laboral.