A Xunta avalía co concello de Aranga medidas para o impulso da actividade industrial

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo un encontro co alcalde, Alberto Platas, no que coincidiron sobre a importancia de impulsar o solo empresarial

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2022

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta semana un encontro en Santiago de Compostela co alcalde de Aranga, Alberto Platas, para avaliar medidas que axuden a dinamizar a actividade industrial deste municipio coruñés.

Neste sentido, coincidiron na necesidade de que o solo empresarial conte con todos os servizos necesarios para a implantación e atracción de empresas, especialmente, no que atinxe ás redes de distribución eléctrica, que ofrecen seguridade e calidade no servizo.

Conde púxose á disposición do Concello para ofrecer o asesoramento e axuda que poida necesitar á hora de afrontar novos proxectos e lembrou o compromiso da Xunta de Galicia con este municipio ao que se leva destinado, desde 2009, un total de 863.000 euros en axudas, tanto para proxectos da Administración local, como para os veciños e as empresas implantadas. Con estes apoios o obxectivo é traballar desde a colaboración público-privada no impulso de iniciativas enerxéticas, forestais e empresariais, permitindo así mobilizar 3,6 millóns de euros en Aranga.

Imaxes relacionadas