A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, acompañada do delegado da Xunta, Javier Arias, visitou a instalación

Política Social mellora o alumeado do campo de fútbol do campamento xuvenil da Devesa

Destinará 20.000 euros para desenvolver un proxecto de mellora lumínica, que tamén permitirá ceder esta zona para o seu uso temporal ao Ribadeo F.C.

Ribadeo (Lugo), 11 de marzo de 2022

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, acompañada do delegado da Xunta, Javier Arias, visitou o campamento xuvenil da Devesa, onde o Goberno galego destinará 20.000 euros a mellorar o alumeado do campo de fútbol.

Cristina Pichel explicou que a Consellería de Política Social ten previsto executar nas próximas semanas un proxecto de mellora lumínica para facilitar o uso da instalación cando non se dispoña de luz natural. Esta obra non só beneficiará aos usuarios do campamento xuvenil, especialmente no verán, senón que tamén permitirá ceder esta zona para o seu uso temporal ao Ribadeo F.C., co fin de que poidan realizar os adestramentos.

Así mesmo, e como contraprestación desta cesión temporal, o clube comprométese a encargarse da limpeza, mantemento e pequenas reparacións que axuden a manter a instalación en bo estado.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado destacou a vontade da Xunta de Galicia por continuar adecuando as instalacións xuvenís para que unha vez que comecen as actividades de primavera, e posteriormente os campamentos de verán, as rapazas e rapaces conten cos mellores servizos e comodidades.

Neste sentido, compre lembrar que o ano pasado realizáronse melloras no campamento xuvenil da Devesa por un importe próximo aos 200.000 euros, que incluíron tanto reformas como dotación de novo mobiliario e maquinaria.