A Xunta colabora co concello de Cangas na adquisición dun vehículo contra incendios e salvamento

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e alcaldesa Victoria Portas visitaron hoxe a base de Protección Civil do municipio

A representante autonómica destacou a importancia da cooperación entre administracións para a mellora das infraestruturas municipais desde as que se presentan servizos esenciais para a cidadanía

Cangas (Pontevedra), 11 de marzo de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e alcaldesa de Cangas, Victoria Portas, visitaron hoxe a base de Protección Civil no municipio con motivo do convenio de colaboración firmado entre a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo e o Concello cangués para a adquisición dun vehículo contra incendios e salvamento.

Neste sentido, a representante autonómica destacou a importancia da cooperación coas entidades locais co obxectivo de garantir máis e mellores servizos públicos á cidadanía, como é o caso da posta en marcha e mellora das infraestruturas municipais desde as que se prestan estes servizos.

Segundo informou Fernández-Tapias, a Xunta colaborará na adquisición deste vehículo cunha achega de 55.666 euros. O obxectivo é que o Concello de Cangas poida afrontar as primeiras actuacións nos incendios que se puidesen producir tanto no ámbito municipal como nos municipios limítrofes.

Corresponderá ao goberno local tanto a súa adquisición como a dotación do persoal necesario, en número e formación, para o manexo do citado remolque e do equipamento de emerxencia que leva, para as intervencións para as que sexa requirido.

Imaxes relacionadas