A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou esta mañá as novas instalacións do grupo Eroski localizadas no polígono compostelán

A Xunta anuncia unha ampliación do parque empresarial da Sionlla para sumar ao redor de 400.000 m2

Nestes momentos quedan 35 parcelas dispoñibles, que o Goberno galego oferta no marco do concurso de solo industrial convocado a finais do mes de febreiro

Ángeles Vázquez asegura que a decisión responde á elevada demanda de solo que se está detectando nesta zona e anuncia que citarán proximamente ao Concello de Santiago para unha reunión co fin de tentar avanzar na delimitación do novo ámbito
 

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia traballa xa na ampliación do parque empresarial da Sionlla, en Santiago de Compostela, co fin de sumar a este ámbito ao redor de 400.000 metros cadrados máis de solo industrial.

A decisión foi anunciada esta mañá pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante unha visita ás novas instalacións de Eroski neste polígono, que contan cunha superficie comercial de 3.500 metros cadrados e un estacionamento con 365 prazas e foron inauguradas o pasado 17 de febreiro.

A cooperativa de distribución, como subliñou a responsable galega, foi a última empresa en implantarse na Sionlla, onde mercou no marco do concurso do ano pasado dúas parcelas por 2,1 millóns de euros, descontada xa a bonificación de 937.000 euros aplicada pola Xunta. Precisamente, Ángeles Vázquez xustificou a ampliación desta área industrial en resposta ao interese existente entre o tecido empresarial por asentarse na mesma e co obxectivo de favorecer a implantación de novas iniciativas na capital galega.

Neste sentido, a conselleira sinalou que tras a adxudicación o ano pasado de 20 parcelas na Sionlla, actualmente quedan outras 35 dispoñibles, as mesmas que sacou a empresa pública Xestur a concurso o pasado 25 de febreiro.

As empresas interesadas en implantarse neste polígono poderán acceder ao solo tanto en réxime de compravenda —con bonificacións dun 30% aplicadas pola Xunta ao prezo de venda— como en dereito de superficie —unha modalidade de adxudicación vantaxosa, que lles permite acceder a parcelas a cambio do pago anual dun canon reducido—. O prazo para a presentación de ofertas finaliza o vindeiro 30 de marzo.

Tendo en conta a demanda existente e a situación actual do parque, Ángeles Vázquez indicou que o seu departamento xa está traballando na delimitación da futura ampliación da Sionlla, que actualmente conta cunha superficie de 1,38 millóns de metros cadrados —e no que o Goberno galego xa leva investidos 74 millóns de euros, entre os custos de urbanización, das conexións viarias e da dotación de servizos básicos.

Neste sentido, anunciou que o seguinte paso será citar ao Concello de Santiago a unha reunión para facelo partícipe do proxecto e seguir avanzando na futura ampliación, que suporá incrementar a superficie do polígono nuns 400.000 metros cadrados, o que representa máis da metade da superficie comercializable total que ten actualmente.

En todo caso, a conselleira subliñou que para favorecer a implantación de empresas neste ámbito e ampliar os servizos das xa instaladas será necesario non só habilitar máis solo, senón tamén completar e mellorar as comunicacións por estrada do parque.

Así, lembrou que aínda que a parte do Orbital executada pola Xunta e que transcorre ao longo do polígono da Sionlla leva anos rematada, quedan pendentes aínda os seus enlaces coa autoestrada e a autovía. Esta obra está actualmente en execución por parte do Goberno central polo que a conselleira aproveitou a ocasión para incidir na importancia de que a infraestrutura de conexión co polígono sexa unha realidade “o antes posible” xa que se trata dunha actuación “imprescindible” para a cidade e o seu tecido empresarial, tanto o actual como o futuro.
 

Imaxes relacionadas