Arias gaba a axuda do exército durante “os incertos días do confinamento”, que se lembra nunha exposición no Hula

A mostra, presentada hoxe na Delegación Territorial, reflicte o traballo realizado no marco da Operación Balmis nos inicios do Estado de Alarma, do que se cumpren dous anos

Lugo, 11 de marzo de 2022

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, gabou hoxe a actuación do Exército “durante os incertos días do confinamento, despregándose para prestar axuda dende o primeiro momento en todo o territorio, tamén en Lugo”.

Coincidindo co segundo aniversario da declaración do Estado de Alarma, o 14 de marzo de 2020, a Xunta acollerá a vindeira semana -do 14 ao 18- no Hospital Universitario Lucus Augusti a exposición Operación Balmis, con imaxes e elementos “que nos traen á memoria a inquietude que nos envolvía e o valioso papel que asumiron os militares en tarefas moi diversas, incluída a desinfección en puntos vulnerables”, afirmou Arias.

Hoxe tivo lugar a presentación da mostra na Delegación Territorial, nun acto no que participaron tamén o subdelegado de Defensa suplente en Lugo, José Antonio Bueno, e a subdirectora de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía da Área Sanitaria, Pilar Rodríguez Ledo.

Esta exposición de carácter itinerante, promovida polo Ministerio de Defensa, presenta parte do traballo realizado no marco da chamada “Operación Balmis contra a covid-19”, que supuxo o maior despregue das Forzas Armadas españolas en tempos de paz. Neste sentido, Arias lembrou que só cinco días despois de decretarse o Estado de Alarma, o 19 de marzo chegaban a Lugo os primeiros soldados -procedentes da Brilat de Pontevedra- para colaborar nas medidas decretadas para frear a expansión do coronavirus.

Neste sentido, Arias subliñou “a extraordinaria mobilización coa que se intentou facer fronte á pandemia coordinando efectivos de diferentes administracións, como as forzas e corpos de seguridade estatais, autonómicas e locais; as brigadas da Xunta que realizaron tarefas de limpeza e desinfección e, por suposto, os sanitarios e os militares, entre outros colectivos”.
 

Imaxes relacionadas