A Xunta marca a extensión dos programas de reforma da atención primaria como principal obxectivo da sanidade pública post-pandemia

Os Acordos de Xestión do Sergas coas áreas sanitarias para este ano fixan metas de implantación para os sistemas como o XIDE ou o CRM100 e as medidas como as axendas de calidade ou os plans locais de saúde

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destaca, tamén, a inclusión de obxectivos específicos en teleasistencia, atención a crónicos e atención á saúde mental
 

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou hoxe, no acto de sinatura dos Acordos de Xestión para o presente ano que o seu departamento asina cos sete áreas sanitarias, que o obxectivo principal do Goberno galego en materia de sanidade e extender os programas de reforma da atención primaria para seguir avanzando na transformación e modernización do primeiro nivel asistencial.


Os acordos hoxe asinados tamén abranguen, -dixo o conselleiro-, a mellora da calidade e axilidade da atención hospitalaria; a máxima coordinación entre ambos niveis asistenciais; a atención específica á saúde mental; o coidado do benestar do noso persoal, e o uso responsable dos recursos públicos, para ser máis eficaces e sacarlle o máximo rendemento dende o punto de vista sanitario a cada euro que manexa o Sergas.

Obxectivos

Entre os obxectivos para o presente ano logo da pandemia da covid, o conselleiro sinalou que o 90% das axendas de medicina e enfermaría deben estar axeitadas aos criterios de calidade e o sistema XIDE debe estar implantado no 90% dos centros, respondendo, deste modo, á demanda da cidadanía de ter consultas máis áxiles e máis resolutivas.


Tamén márcase como obxectivo para este ano o Sergas que o sistema CRM100, que permite identificar e devolver o 99% das chamadas dos centros de saúde no mesmo día, se siga a estender a máis centros de saúde.


A intención do conselleiro é, así mesmo, continuar avanzando na implantación da plataforma tecnolóxica TELEA, de seguimento dos pacientes crónicos, a máis servizos tanto de primaria como hospitalarios.


Xunto aos obxectivos anteriores, o Sergas procederá a estender os plans de saúde locais, unha ferramenta que xa funciona en 14 concellos, a seis concellos máis por cada unha das sete áreas, ata acadar un total de 42. Estes plans recollen un compendio de accións e medidas concretas co fin de acadar uns obxectivos adaptados á realidade de cada servizo de atención primaria.

Obxectivos en materia de saúde mental

García Comesaña destacou que, por primeira vez, os Acordos de Xestión contemplan obxectivos específicos en materia de saúde mental para as áreas sanitarias. Entre eles o conselleiro citou o feito de facilitar a conexión entre primaria e os servizos de saúde mental; o desenvolvemento de programas específicos para os problemas de saúde mental derivados da pandemia; o reforzo, con máis medios e recursos, dos programas de prevención do suicidio e de atención á saúde mental infanto-xuvenil; e, ademais, mellorar a calidade e os sistemas de información dos dispositivos de hospitalización psiquiátrica ou de tratamento de persoas con drogodependencias.

No que atinxe á atención hospitalaria, o obxectivo do Sergas logo da pandemia é seguir a avanzar na recuperación das esperas medias record que o departamento sanitario galego tiña acadado xusto antes do inicio da covid.

Outros obxectivos sinalados polo conselleiro e axilizar as interconsultas entre primaria e os especialistas de hospital; reducir a incidencia das infeccións adquiridas no ingreso sanitario; diminuír a espera entre a entrada en urxencias e o ingreso en planta; ou maximizar o control sobre os pacientes polimedicados. Tamén seguirá o departamento sanitario galego a potenciar o uso dos medicamentos xenéricos e biosimilares, e a fomentar as compras centralizadas de material sanitario.
Na súa intervención o conselleiro remarcou, así mesmo, que, dous anos despois do comezo da pandemia, a sanidade pública galega foi a que acadou unha menor porcentaxe de ocupación en camas de críticos; a que máis rápido administrou as vacinas, e, ademais, foi o sistema público de saúde de toda a península cunha menor taxa de mortalidade.

Sinalar que no acto de hoxe estiveron presentes, tamén, o xerente do Sergas, José Flores, e os responsables de cada unha das sete áreas sanitarias, que asinaron os acordos establecidos.
 

Imaxes relacionadas