Alfonso Rueda sitúa o xornalismo parlamentario galego como garante da súa historia democrática

O vicepresidente primeiro inaugurou no Parlamento de Galicia as xornadas “Periodismo político e parlamentario”

Alfonso Rueda gabou o rigor e a profesionalidade dos xornalistas especializados en información política e puxo en valor a importancia dunha prensa libre e de calidade como servizo público aos cidadáns
 

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2022

Na inauguración das xornadas Periodismo político e parlamentario no Parlamento de Galicia, o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, situou o xornalismo político galego como garante da súa historia democrática.

O vicepresidente primeiro inaugurou o acto acompañado polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; por Fernando Jáuregui e Sergio Martín, presidente e director do foro Periodismo2030; por María Méndez, presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia; por Josep Alfonso, director xeral da Fundación AXE e por Anabel Díez, presidenta da Asociación de Periodistas Parlamentarios.

Alfonso Rueda gabou o rigor e a profesionalidade dos xornalistas especializados en información política e puxo en valor a importancia dunha prensa libre e de calidade como servizo público aos cidadáns. Ademais, recordou o traballo realizado pola prensa galega nos 40 anos do seu Estatuto de Autonomía, un tempo no que “a prensa non só informou senón que tamén fixo pedagoxía para, a través das súas noticias e dos seus artigos, formar á poboación na nova etapa histórica que se abría”. Por iso vaticinou que as vindeiras xeracións coñecerían a actividade parlamentaria de Galicia non polos diarios de sesións, senón “polas crónicas dos xornalistas, polas hemerotecas dos xornais e polas publicacións do propio Parlamento de Galicia”.

O vicepresidente primeiro e deputado na Cámara galega desde o ano 2009 salientou que nos 40 anos de autonomía de Galicia, o Parlamento pasou polo Pazo de Xelmírez e polo Pazo de Fonseca antes de chegar ao Pazo do Hórreo, e que nese tempo sucedéronse 5 presidentes autonómicos, 7 presidentes do Parlamento de Galicia, 9 partidos políticos, centos de deputados e 11 lexislaturas nas que se aprobaron en torno a 400 leis. “E de todo iso informastes cumpridamente e con prontitude”, dixo aos directivos e xornalistas dos medios de comunicación que participaron nas xornadas.

Organizado polo foro Periodismo 2030 xunto co Parlamento de Galicia, a Asociación de Periodistas de Galicia e a Fundación AXA, no encontro participaron directivos dos principais medios de comunicación que traballan en Galicia, así como xornalistas especializados en información política que participaron en tres mesas nas que debateron sobre as seguintes cuestións: Os periódicos centenarios de Galicia, periodismo parlamentario e político en Galicia e as radios e o debate político e parlamentario.

O acto foi tamén unha homenaxe ao traballo realizado polos periódicos centenarios galegos e polos medios de comunicación en xeral durante a pandemia.

Imaxes relacionadas