A Xunta convoca máis de 1.400 prazas en 64 cursos do Plan de formación continua do primeiro semestre para as forzas de seguridade

O DOG publica hoxe os 42 cursos presenciais de 775 prazas, aos que se engaden outros 22 con 705 vacantes na modalidade de teleformación

A formación vai destinada a persoal da Policía Local e tamén reserva parte das prazas para profesionais de Policía Autonómica, Policía Nacional e Garda Civil que traballan en Galicia

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2022

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o plan de formación continua da AGASP do primeiro semestre para o persoal da policía local, que conta tamén cun 20% das prazas para os demais profesionais das forzas e corpos de seguridade do Estado que traballan en Galicia, é dicir, Policía Autonómica, Policía Nacional e Garda Civil. O plan inclúe 64 cursos cun total de 1.475 prazas e 879 horas lectivas recuperando a presencialidade tras a covid-19 que obrigou a que toda esta formación fose telemática nos dous últimos anos.
Así, ata o mes de xuño impartiranse, por unha parte, 32 actividades presenciais cun total de 775 prazas e 509 horas. Esta formación abarca tanto cursos de operativa policial, orientados ás condicións psicofísicas dos policías e autodefensa, como en materias de ámbito social ou o tratamento de persoas en especial vulnerabilidade e menores.
Entre os contidos ofertados nos próximos meses haberá módulos relacionados coa seguridade viaria ou a xestión das emocións nos accidentes de tráfico; o trato e intervención con persoas maiores en situación de maltrato ou con persoas con discapacidade intelectual; e a prevención da radicalización ou ante o acoso escolar. A atención aos peregrinos, o maltrato animal ou a ocupación de vivendas serán outras das temáticas abordadas.
O plan conta, por outra banda, con outros 22 cursos de teleformación -incluíndo sesións de videoconferencias cos docentes- de 705 prazas e 370 horas lectivas enfocados aos conceptos máis teóricos e á actualización normativa en xurisprudencia policial. Nesta modalidade os axentes actualizarán os seus coñecementos sobre o procedemento sancionador ou en ámbitos como o control de transportes de mercancías perigosas ou o vertido de residuos, así como as novidades nas leis sobre tráfico e seguridade viaria ou sobre o réxime xurídico dos animais e a actuación policial en ámbitos como os food trucks ou os salóns de xogos e máquinas recreativas. Tamén recibirán formación sobre como planificar e xestionar os contidos nas redes sociais das Policías Locais e como previr e detectar o ciberacoso, entre outros módulos previstos.

O prazo para inscribirse nestes cursos comeza a partir de mañá e deberá realizarse a través do formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web http://agasp.xunta.gal. A formación dará comezo o 4 abril cos primeiros cursos presenciais sobre manexo do bastón policial e actualización en materia de estranxeiría

Cursos de condución evasiva en situación de urxencia dirixidos á Policia Autonómica e á Policía Local

Por outra banda, o Diario Oficial de Galicia tamén publica hoxe a convocatoria dos cursos presenciais de condución evasiva en situación de urxencia dirixidos á Policia Autonómica e á Policía Local para os que tamén é preciso inscribirse desde mañá na web da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).

Tamén nos próximos días está prevista a publicación do curso de piloto profesional de aeronaves non tripuladas xunto cos plans de formación destinados á Policía Autonómica, á Policía Nacional e á Garda Civil, que contará cos cursos específicos de idiomas, en especial para o trato cos peregrinos co obxectivo de mellorar a atención ás persoas doutros países que realizan o Camiño de Santiago.

Ademais, o próximo 18 de abril comezará na AGASP a formación dos 120 alumnos da 14ª promoción da Policía Local, da que forman parte os 70 aspirantes que xa están a rematar o proceso de selección unitario. A través desta vía cubriranse as prazas comunicadas por 29 municipios, no marco do convenio de colaboración entre a Xunta e os concellos galegos aos que están adscritas 89 entidades locais das 129 con corpos de Policía Local.

Imaxes relacionadas