A Xunta colabora coa universidade Carlos III de Madrid na formación de expertos en dereito da competencia

O Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) vén de asinar un convenio coa institución académica para a realización de prácticas externas

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2022

O Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, vén de asinar un convenio coa Universidade Carlos III para colaborar na formación de estudantes.

En concreto, o obxectivo do acordo, que terá unha vixencia de catro anos, é posibilitar ao estudantado do programa de diploma de experto en Dereito da Competencia da Universidade Carlos III de Madrid a realización de prácticas externas, dentro das iniciativas de cooperación educativa promovidas polo Instituto Galego do Consumo e da Competencia. Así, o IGCC tamén conta con convenios coa Escola de Práctica Xurídica da Universidade de Santiago (USC) e coa Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña (UDC), neste caso para a formación no Laboratorio de Consumo de Galicia.

Os estudantes en prácticas que se acollan a este programa en colaboración coa Universidade Carlos III disporán dunha titoría académica, a cargo dun profesor do centro educativo, e outra profesional, a cargo dun experto do IGCC, entidade que ten entre os seus cometidos preservar, garantir e promover a existencia dunha competencia efectiva nos mercados no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.