A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, supervisaron hoxe a actuación

Fernández-Tapias avanza que a ampliación do Ifevi estará finalizada a finais de marzo

A representante autonómica na cidade defende a compatibilidade do uso expositivo e deportivo no recinto feiral, como así o demostra a celebración este mes do World Padel Tour, que poderá dispoñer dos vestiarios do novo pavillón

Remarca que o Goberno galego apoia o Ifevi “con feitos”, cun investimento de 7,3 millóns de euros nesta actuación de preto de 30 millóns no cómputo global

Vigo, 10 de marzo de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, avanzou que as obras de ampliación do Ifevi estarán rematadas a finais de marzo, tal e como puido comprobalo hoxe nunha visita ao recinto feiral vigués xunto ao director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez.

Segundo informou, na nave traballan 103 operarios que permitirán que a instalación estea practicamente terminada coincidindo coa celebración este mes do World Padel Tour. A colación, indicou que a competición terá a súa disposición os novos vestiarios deportivos proxectados no pavillón 5, pensados para dar servizo aos usuarios das pistas de atletismo.

A representante autonómica remarcou que o Goberno galego apoia o Ifevi “con feitos”, cun investimento nesta actuación de 7,3 millóns de euros e, atendendo as obras realizadas con anterioridade, de preto de 30 millóns no cómputo global. “Seguiremos a traballar no seu impulso -dixo-, mellorando a súa competitividade, en beneficio de Vigo, a través da actividade económica e a xeración de emprego”.

Ao fío, defendeu que a celebración no recinto do mencionado circuíto profesional de padel demostra a compatibilidade do uso expositivo e deportivo no Ifevi, “reforzando a aposta da Xunta por unha dotación deportiva que potencia a funcionalidade e o atractivo do recinto feiral”, subliñou en clara referencia ás pistas de atletismo que o Executivo autonómico deseñou para o novo pavillón.

Tras anotar que as pistas de atletismo “nin son para o Concello nin para a Xunta, son para os atletas”, Fernández-Tapias lamentou novamente que o alcalde se opoña a unha actuación coa que se está dando resposta ás necesidades sinaladas polos propios clubs deportivos e os atletas de Vigo e de toda a comarca.

En todo caso, volveu a insistir en que a actividade ordinaria do Ifevi en ningún suposto verase afectada por esta actuación, pois a compatibilidade é total. Un proxecto que, engadiu, coñecen perfectamente en Conxemar e sobre o que non manifestaron oposición algunha.

Por outra banda, Fernández-Tapias convidou ao Concello de Vigo a ser “máis proactivo” e, en lugar de criticar o que está a facer a Xunta, se preocupe por dotar ao recinto feiral duns accesos acordes á súa potencialidade e capacidade para albergar mostras.

Imaxes relacionadas