A Xunta garante o apoio á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Vicedo para a súa atención á cidadanía

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou esta mañá aos efectivos da agrupación para coñecer o seu funcionamento e as súas demandas

O Goberno galego destinou a esta AVPC máis de 76.000 € co obxectivo de axudarlles a sufragar os seus gastos de funcionamento e a adquisición de material

O Vicedo (Lugo), 10 de marzo de 2022

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou esta mañá a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Vicedo para coñecer o seu funcionamento e necesidade. Durante a súa visita garantiu o apoio da Xunta para axudarlles no seu labor altruísta velando pola seguridade da cidadanía, tanto mediante a colaboración para sufragar os seus gastos de funcionamento como na adquisición de equipamento.
Santiago Villanueva agradeceu o traballo desinteresado que levan a cabo as 234 agrupacións da comunidade a prol da seguridade da veciñanza. No caso da AVPC do Vicedo, lembrou o apoio mantido nos últimos anos con máis de 76.000 euros, máis de 17.600 euros destinados aos seus custos anuais de mantemento e outros máis 58.500 euros na adquisición de material de emerxencias como un traxe de velutina, varios terminais Tetra con GPS, un desfibrilador, un vehículo pick-up e un remolque e unha tenda de emerxencias.
Estas achegas enmárcanse nos máis de 15 millóns investidos en apoio ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil. Por unha banda, a Xunta destinou máis de 4 millóns de euros para os seus gastos de funcionamento, que na convocatoria deste ano conta cun investimento de 340.000 euros. Ademais, con máis de 11 millóns de euros, o Goberno galego colabora no reforzo do equipamento das agrupacións.
Pese a tratarse dunha competencia local -dos concellos de máis de 20.000 habitantes e das deputacións provinciais nos de menor poboación- a Xunta tamén asume máis da metade do custo anual dos Grupos Supramunicipais de Emerxencias (GES) e leva investidos 9,3 millóns de euros en material de emerxencias cedido.
En total, o investimento do Goberno galego para que os efectivos dos servizos de emerxencias -Protección Civil e GES- conten co equipamento necesario co que poidan realizar as súas intervencións con seguridade e eficacia ascende a 21,3 millóns de euros.

Imaxes relacionadas