O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou hoxe o centro ocupacional e o de atención diúrna da entidade na cidade do Lérez

Política Social achega 1,3 millóns de euros para financiar prazas nos centros de Pontevedra e Cangas da Asociación Juan XXIII

Con estes fondos aténdese a 175 persoas con discapacidade en ambos concellos

A maiores, o Goberno galego achegoulles 120.000 euros a través dos fondos do IRPF para a adquisición de tres vehículos adaptados e para financiar o equipamento
 

Pontevedra, 10 de marzo de 2022

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, puxo en valor que a Consellería de Política Social achega máis de 1,3 millóns de euros para financiar prazas en centros de Pontevedra e Cangas da asociación Juan XXIII. Con estes fondos aténdese a 175 persoas con discapacidade de ambos concellos.

Fernando González Abeijón visitou esta mañá os centros de día e ocupacional que ten esta entidade en Pontevedra, onde atenden a máis de 100 persoas con discapacidade. Alí, destacou o compromiso do Goberno galego coa mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade e tamén das súas familias. Para iso, sinalou como fundamental os coidados que se prestan nos centros de día ou as actividades de capacitación que se poñen en marcha nos centros ocupacionais como o que hoxe visitou.

Ademais, o director xeral explicou que a Xunta de Galicia lle achegou outros 120.000 euros á Asociación Juan XXIII a través dos fondos do 0,7% do IRPF para a adquisición de equipamento e a compra de tres vehículos adaptados.

Así mesmo, Fernando González Abeijón subliñou que o compromiso do Goberno galego coas persoas con discapacidade, as súas familias e as entidades que traballan con elas a diario continuará como ata hoxe en día. Neste sentido, recordou que a Xunta de Galicia destinará neste 2022 máis fondos que nunca á atención á discapacidade, 142 millóns de euros para acadar unha Galicia de oportunidades.
 

Imaxes relacionadas