A Xunta adxudica por máis de 660.000 euros as obras para a implantación de tratamento biolóxico na depuradora de Vilaboa

Trátase de mellorar o sistema de depuración desta planta dotando a instalación de tratamento secundario de augas residuais co obxectivo de cumprir os parámetros das directivas europeas no tratamento da materia orgánica vertida

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé comezar neste 1º trimestre as obras e rematalas neste mesmo ano, xa que contan cun prazo de execución de 5 meses

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou por 660.520 euros as obras para a implantación de tratamento biolóxico na depuradora de Vilaboa.

Este contrato, adxudicado á empresa Proyecon Galicia, S.A., ten como obxectivo mellorar o sistema de depuración da estación de tratamento de augas residuais de Vilaboa, que só conta con tratamento primario físico-químico, e dotala dun tratamento secundario, biolóxico, conseguindo así maior eliminación de materia orgánica e do nitróxeno contido na auga residual.

A Xunta prevé iniciar as obras neste primeiro trimestre e rematalas neste mesmo ano, xa que teñen un prazo de execución de 5 meses.

A actuación proxectada por Augas de Galicia inclúe, ademais, intervencións no control de olores, mediante unha axeitada desodorización ou cambios e actualización de equipos para adaptarse á normativa.

No marco do contrato tamén se prevé a incorporación dun sistema de monitorización enerxética, para ter un maior control do consumo eléctrico da planta ou o cambio do panel sándwich da cuberta.

As actuacións serán cofinanciadas pola Unión Europea, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Con esta intervención o departamento que preside Ethel Vázquez segue a avanzar no saneamento integral da ría, con novas intervencións que permitan cumprir e adaptarse ás directivas europeas en relación co tratamento da materia orgánica vertida.

Cómpre lembrar que a depuradora de Vilaboa é unha instalación municipal, a cuxa xestión a Xunta leva destinados 2,2 M€, para apoiar ao municipio nas súas competencias de xestión da auga.

Esta nova actuación en Vilaboa enmárcase no traballo que se está a desenvolver polo saneamento da ría de Vigo, onde a Xunta xa leva destinado un investimento de 80 M€ na depuradora de Lagares, avanza na redacción do proxecto construtivo da nova depuradora de Arcade e na contratación da execución das obras de mellora da depuradora municipal de Comboa, no concello de Soutomaior.