O Centro Tecnolóxico do Mar contribúe á formación de profesionais do complexo mar-industria a través do proxecto europeo BAPSI

Os resultados desta iniciativa preséntanse nunha conferencia final que terá lugar o vindeiro día 15 de marzo en Vigo na sede de Conxemar, entidade organizadora do evento e membro do consorcio

O proxecto permitiu a creación dunha academia con doce cursos gratuítos e virtuais de temáticas de interese para o sector, entre eles a análise da cadea de valor e o márketing de produtos do mar
 

Vigo, 10 de marzo de 2022

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, dependente da Consellería do Mar, pecha a súa participación no proxecto europeo BAPSI (Blue Academy for Professionals of the Seafood Industry) despois de contribuír á formación de profesionais do complexo mar-industria coa oferta de cursos teórico-prácticos de interese para o sector, promovidos pola academia creada no marco deste proxecto e denominada Academia Azul.
Os resultados desta iniciativa, financiada polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), daranse a coñecer durante a conferencia final, que terá lugar o vindeiro 15 de marzo. Da organización deste evento encárgase Conxemar, que forma parte do consorcio BAPSI xunto a outras sete institucións e entidades europeas, e celebrarase na súa sede en Vigo.
O obxectivo fundamental de BAPSI é acercar ao sector produtivo e aos investigadores un programa formativo teórico e práctico dirixido aos técnicos, mandos intermedios e responsables de empresas do complexo mar-industria. Trátase dun proxecto que permitiu a creación dunha academia con doce cursos gratuítos e virtuais de temáticas de interese para o sector.
O Cetmar encargouse de desenvolver os cursos sobre a análise da cadea de valor e o márketing de produtos do mar. O programa formativo completouse con cursos sobre avaliación do risco, produción sostible, xestión de residuos plásticos ou prácticas empresariais xustas e contratos internacionais.
A Academia Azul de BAPSI oferta ademais formación sobre modelos de negocios sostibles, procedementos para clientes, comercialización e valorización, aspectos nutricionais e seguridade alimentaria, protección de marcas e identificación e xestión de fondos de financiamento.

A conferencia final

Do resultado de todas estas accións informarase na primeira parte da conferencia final do proxecto, que finalizará cun debate. A segunda parte da xornada de BAPSI constará de catro relatorios relacionadas coa sustentabilidade nas industrias do mar. O secretario xeral de Assoitica Italia e coordinador do proxecto, Giuseppe de Palma, será o encargado de abrir a conferencia. Tras el falará a responsable do proxecto na Comisión Europea, Estelle Coornaert e un representante da empresa Aeiforia realizará unha visión xeral do proxecto cos principais resultados e rendementos oidos.
Tamén haberá unha mesa redonda que contará cun representante de cada país para comentar estes resultados e dar o seu punto de vista sobre o proxecto, seguido dun espazo para preguntas.
O programa continuará ás 11:50 horas con novas intervencións, entre elas a da directora da Axencia Europea de Control da Pesca (EFCA), Susan Steele, que tratará a contribución ao cumprimento e a sustentabilidade. Ademais participarán a responsable da Área de Investigación do centro tecnolóxico vasco AZTI, Marina Santurtún, que falará sobre océanos sostibles; o xefe do departamento de Ecoloxía e Recursos Mariños do Instituto de Investigacións Mariñas do Consello Superior de Investigacións Científicas (IMM-CSIC), Ángel Francisco González, que exporá o caso do polbo común relacionado coa xestión sostible de recursos mariños; e a profesora do departamento de Química Analítica e Alimentaria da Universidade de Vigo, Ana Gago, que ilustrará a situación europea do impacto das floracións de algas nocivas na industria acuícola. O peche da conferencia terá lugar ás 13:10 horas.
A participación no evento poderá ser tanto presencial como virtual e para confirmar asistencia é necesario enviar un correo electrónico a Conxemar, a organizadora do evento. Os cursos impartidos no marco de BAPSI estarán dispoñibles para todos os interesados a través da web do proxecto (https://bapsi.eu/enter-the-academy/) .