A Xunta destaca en Vigo o seu apoio ao asociacionismo feminino como estratexia para avanzar na igualdade entre mulleres e homes

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na segunda edición do programa +Reales de Mulleres en Igualdade de Vigo, un colectivo que o Goberno galego apoia con preto de 130.000 euros desde 2009

Vigo, 9 de marzo de 2022

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe en Vigo o apoio da Xunta ao movemento asociativo de mulleres na súa intervención na segunda edición do programa +Reales, que organiza Mulleres en Igualdade de Vigo, nesta ocasión, baixo o título Mulleres de hoxe, superando barreiras.
López Abella sinalou que o asociacionismo feminino é unha estratexia para avanzar na construción da igualdade entre mulleres e homes, polo que apostou por dinamizalo en espazos diversos de participación cidadá e órganos de consulta das administracións públicas. “Deste xeito, contribuirase a mellorar a incidencia política das organizacións das mulleres, ademais de conferirlles autoridade e visibilidade”, apuntou.
A secretaria xeral da Igualdade sinalou, ademais, que cómpre dar pulo á difusión das achegas do movemento feminista ao avance nos dereitos das mulleres e ao progreso social e proseguir na senda da posta en valor do papel das mulleres en todos os ámbitos. Así mesmo, indicou a necesidade de afondar no labor de impulso do acceso das mulleres ás esferas de decisión e o fomento do seu liderado, fomentando unha maior presenza en cargos políticos e nos eidos académico, de investigación ou laboral.
A Xunta apoia ás asociacións de mulleres e a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que desenvolven programas destinados a mulleres. De feito, a asociación Mulleres en Igualdade de Vigo foi beneficiaria de preto de 130.000 euros en axudas da Xunta entre 2009 e 2022.

Imaxes relacionadas