A conselleira de Política Social, Fabiola García, respondeu esta mañá a unha pregunta oral no Parlamento sobre a construción deste centro

A Xunta sinala que o Concello de Redondela debe dispoñer dos terreos e dun proxecto para poder construír unha escola infantil pública

Lembrou que o Goberno galego sempre amosou a súa disposición a poñer en marcha este centro, pero logo de catro anos da primeira solicitude aínda non recibiu a documentación que acredite que cumpre cos requisitos

Galicia é unha comunidade referencia en toda España en materia de conciliación grazas ás medidas postas en marcha durante os últimos anos, como as casas niño ou o incremento de prazas públicas en escolas infantís ata chegar ás 25.000

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2022

A conselleira de Política Social, Fabiola García, sinalou que o Concello de Redondela debe dispoñer dos terreos e dun proxecto para poder construír unha escola infantil pública. Esta mañá respondeu a unha pregunta oral no Parlamento de Galicia sobre esta cuestión, onde apuntou que o Goberno galego sempre amosou a súa disposición a poñer en marcha este centro, do mesmo xeito que fixo para crear unha residencia e centro de día en Cesantes.

A conselleira destacou que no ano 2018 solicitóuselle ao Goberno local que completara os trámites urbanísticos necesarios para modificar a clasificación da parcela elixida, así como a redacción do proxecto de construción da nova escola. Catro anos despois desa primeira solicitude, asegurou, o Concello de Redondela aínda non remitiu á Xunta esta documentación. Lembrou que estes trámites serán necesarios para avanzar no proceso e beneficiarse dos fondos europeos para incrementar a oferta de prazas de educación infantil.

Por outro lado, Fabiola García sinalou que cando falamos de conciliación e de apoio ás familias, Galicia é a comunidade de referencia en toda España. Este fito débese ás medidas postas en marcha ao longo dos últimos anos como a creación das casas niño, que ofrecen 445 prazas de atención á infancia, a creación de ata 25.000 prazas públicas ou a gratuidade de todas as escolas infantís a partir do próximo mes de setembro.

A conciliación como obxectivo

Neste sentido, apuntou que destinar os fondos europeos a incrementar as prazas na educación infantil é unha boa noticia, especialmente nas comunidades nas que máis carencia existe. Galicia, concretou, é a cuarta comunidade cunha maior oferta de prazas en escolas infantís. “A conciliación da vida persoal e familiar é un obxectivo que nos debe unir a todos”, destacou, sen fronteiras administrativas e sen diferencias políticas.

Imaxes relacionadas