A conselleira do Mar respondeu no Parlamento a unha pregunta relacionada coa presenza feminina no sector marítimo-pesqueiro

Rosa Quintana apela a seguir avanzando na profesionalización das mulleres do mar de Galicia

Destacou a necesidade de apoio por parte do Goberno do Estado e das institucións europeas para impulsar a incorporación das mulleres ás estruturas de decisión do sector marítimo-pesqueiro, a súa empregabilidade e desenvolvemento profesional como motor de crecemento económico

Puxo en valor o papel da Administración autonómica e do movemento asociativo feminino do ámbito do mar no recoñecemento do traballo das mariscadoras e das redeiras

Salientou a importancia da presenza feminina en ámbitos como o marisqueo a pé ou a industria e a comercialización dos produtos do mar, nos que máis do 70% dos profesionais son mulleres
 

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2022

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, apelou hoxe no Parlamento de Galicia a seguir avanzando na incorporación das mulleres ás estruturas de decisión do sector marítimo-pesqueiro e a impulsar a súa empregabilidade e profesionalización como motor de dinamización e crecemento económico.

Fíxoo no marco da resposta a unha pregunta relacionada coa presenza feminina no sector do mar, na que tamén destacou a necesidade de apoio por parte do Goberno do Estado e das institucións europeas para acadar estes fins.

Neste cometido, subliñou a titular de Mar, é fundamental entender o valor do traballo das mulleres do mar como as redeiras, as mariscadoras, as mariñeiras, as comercializadoras, as armadoras, as transformadoras, as administradoras ou as xestoras de empresas pesqueiras. Tamén é clave, engadiu, “impulsar a súa visibilidade e unha igualdade real e efectiva de oportunidades”.

Por iso, subliñou a conselleira, unha das prioridades de Galicia é acadar o recoñecemento social, económico e institucional que merecen as mulleres do mar. Neste camiño, incidiu, é clave a profesionalización pois implica poder dirixir as actuacións públicas de maneira que se facilite a plena e igualitaria inserción da muller no sistema laboral. Neste proceso destacou os exemplos das mariscadoras e as redeiras de Galicia e puxo en valor o papel determinante da Administración autonómica e do movemento asociativo das mulleres do mar na súa profesionalización.

Presenza feminina

Durante a súa intervención, Rosa Quintana tamén expuxo cifras da presenza feminina en distintas áreas. Entre elas no marisqueo a pé, onde dos arredor de 3.700 profesionais máis do 70% son mulleres, e na mitilicultura, no que máis de 700 mulleres traballan en bateas e representan preto do 20% deste sector. Tamén puxo de relevo a importante presenza feminina na industria e a comercialización dos produtos do mar, que supera o 70% e nalgunhas empresas é maior do 95%. En relación á pesca extractiva, explicou que en Galicia son preto de 500 as profesionais que traballan nesta área, o que supón algo máis do 4% do sector.
 

Imaxes relacionadas