O director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística e o alcalde mantiveron unha reunión en Santiago de Compostela

A Xunta e Porto do Son comprométense a colaborar para velar pola disciplina urbanística no concello

Jacobo Hortas indicoulle que recentemente se publicou o Plan de inspección, que priorizará as actuacións de vixilancia e inspección urbanística nos concellos costeiros e naqueles que teñan territorio nun espazo natural

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2022

O director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), Jacobo Hortas, e o alcalde de Porto do Son, José Luís Oujo, confirmaron a importancia de manter unha colaboración continua para garantir un uso sostible e ordenado do territorio e velar pola disciplina urbanística no concello.

O director da APLU e o alcalde mantiveron unha reunión a semana pasada na sede da Axencia, na que aclararon dúbidas sobre as competencias municipais de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística. Ambos representantes consideraron positivo reforzar os lazos de colaboración e manter un contacto permanente.

Jacobo Hortas puxo como exemplo o Concello de Porto do Son, que conta cun PXOM aprobado tras a entrada en vigor da Lei do solo, polo que a súa cartografía e ordenanzas están actualizadas, o que contribúe a dar unha maior seguridade xurídica a todos os axentes implicados no territorio e a evitar a aparición de infraccións urbanísticas.

Durante o encontro, o director da APLU recordoulle ao rexedor que xa está operativo o novo Plan de inspección, que nos próximos dous exercicios primará as actuacións de vixilancia e inspección urbanística nos concellos costeiros e nos teñan territorio nun espazo natural ou nunha área de especial interese paisaxístico, así como nos que discorran as rutas do Camiños de Santiago.

Indicoulle que unha das máximas é potenciar a cooperación cos municipios polo que —ademais de invitalos a participar nas inspeccións que se programen— as infraccións que se detecten serán comunicadas con carácter previo á entidade local correspondente para que os servizos técnicos municipais informen da existencia de título habilitante municipal de natureza urbanística que puidese amparar as obras.

Nese sentido, o director brindoulle novamente o seu ofrecemento ao Concello no asesoramento e emisión de informes sobre a aplicación e interpretación da normativa vixente en materia de urbanismo; polo que reiterou que os servizos e portas da Axencia estarán sempre abertas para resolver as dúbidas e inquedanzas de Porto do Son.

Imaxes relacionadas