A Xunta invita ás mulleres a “Sumar Talento” en Lalín na entrega de premios Maruja Gutiérrez polo 8-M

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, referendou o compromiso da Xunta para apoiar o liderado e a participación das mulleres en todas as esferas

Avogou polo medio rural para favorecer o emprendemento feminino e puxo en valor o papel da muller na innovación e reivindicou súa presenza en esferas de decisión
 

Lalín (Pontevedra), 8 de marzo de 2022

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, referendou hoxe o compromiso do Goberno galego no apoio ao liderado e a participación feminina en todas as esferas da sociedade, e animou ás mulleres a “sumar talento” na entrega do XVI Premio Maruja Gutiérrez, que concede o Concello de Lalín polo a mulleres destacadas.

A secretaria xeral lembrou que hoxe é o día reivindicar en voz alta o dereito á igualdade de trato e á non discriminación por razón de xénero e o principio de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes “pero esta misión é algo que nos compromete os 365 días do ano” incidiu.

Mulleres referentes polas súas traxectorias vitais e profesionais, así como pola significación das mulleres en contra dos estereotipos de xénero e as fendas, como as hoxe recoñecidas, incidiu López Abella, fan que o compromiso da Xunta a prol da igualdade gañe cada día máis intensidade.

A Xunta ten na súa axenda de prioridades seguir a apoiar o liderado feminino e a participación das mulleres en todas as esferas da sociedade, garantir o dereito á igualdade de trato e á non discriminación por razón de xénero e reivindicar o principio de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, mediante o fomento da redistribución de roles no fogar así como da igualdade no ámbito laboral.

López Abella avogou, noutro eido de cousas, polo medio rural para favorecer o emprendemento feminino como motor de cambio e de progreso e adiantou que a Xunta está a redobrar esforzos para avanzar na eliminación das fendas de xénero e para fomentar a presenza das mulleres en ámbitos de decisión.

“As mulleres sumamos talento”, remarcou López Abella no acto de entrega de premios, e neste camiño “temos moito que aportar desde o ámbito da innovación e o emprendemento” en favor dun desenvolvemento económico e social máis equitativo.
 

Imaxes relacionadas