A conselleira de Política Social, Fabiola García, acompañada da delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou as novas instalacións

A Xunta constrúe unha escola infantil pública de 41 prazas na Cidade da Xustiza para a conciliación dos seus traballadores e dos veciños de Vigo

Destacou que Galicia é pioneira na aplicación da gratuidade das escolas infantís para segundos fillos e sucesivos que se ampliará aos primeiros no próximo curso

A Xunta multiplicou os seus esforzos nos últimos trece anos para axudar ás familias a conciliar a súa vida laboral e familiar, duplicando as prazas públicas en escolas infantís ou impulsando o Bono Coidado para facer fronte, por exemplo, ao custe dunha praza nun campamento de verán

Vigo, 8 de marzo de 2022

A Xunta construíu unha escola infantil pública de 41 prazas na Cidade da Xustiza para facilitar a conciliación dos seus traballadores e dos veciños de Vigo. A conselleira de Política Social, Fabiola García, acompañada da delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou esta mañá as instalacións, onde sinalou que este centro permitirá achegar servizos de conciliación ao lugar de traballo e consolidar unha educación infantil de máxima calidade e accesible para todas as familias.

Fabiola García destacou que a Cidade da Xustiza será un símbolo de conciliación ao poñer a disposición das viguesas e vigueses unha nova escola infantil pública autonómica totalmente gratuíta. O centro dará prioridade aos traballadores da Cidade da Xustiza e poñerá a disposición das veciñas e veciños de Vigo as prazas que queden libres. A conselleira sinalou que Galicia é unha referencia en materia de conciliación gracias a iniciativas como a aplicación da gratuidade para segundos fillos e sucesivos, unha medida que se ampliará aos primeiros fillos a partir do próximo curso académico 2022-23.

A Xunta multiplicou os seus esforzos nos últimos trece anos para axudar ás familias a conciliar a súa vida laboral e familiar, duplicando as prazas públicas en escolas infantís ata chegar ás 25.000 en toda Galicia ou impulsando o Bono Coidado, que axuda a máis de 1000 familias a ter máis opcións de conciliar e facer fronte a, por exemplo, o custe dunha praza nun campamento de verán.

Imaxes relacionadas